Edisa presenta Libra Suite Plus con tecnoloxía embebida de Oracle

mércores, 10 de xullo do 2013 Redacción

A compañía galega Edisa, deu os días pasados un “importante paso” ao asinar un acordo de distribución coa multinacional tecnolóxica Oracle, que lle vai permitir ofrecer (á firma con sedes principais en Ourense e Vigo) as últimas tecnoloxías da corporación de forma embebida co seu produto de xestión empresarial Libra Suite Plus. No acordo de distribución acadado, informa Edisa, incorporáronse todas as tecnoloxías que o dito produto vai requirir nos vindeiros anos, tanto a nivel de base de datos, como no que se refire á parte das aplicacións, integrando o framework ADF, que está considerado nestes intres “como o maior proxecto Java a nivel mundial, ademais de tratarse da contorna que a propia Oracle utiliza no desenvolvemento dos seus produtos”, engade Edisa.
Por outra banda, ao abeiro do acordo incluíronse produtos de valor engadido como o servidor de mobilidade ou ferramentas para xestión de copias de seguridade en tempo real.
Lembrar que Libra é a día de hoxe unha das principais plataformas de xestión do mundo (tanto por presenza como por evolución e incorporación de funcionalidades) cuxas primeiras versións baseáronse na tecnoloxía cliente servidor de Oracle, encamiñándose logo cara ao modelo de servidor de aplicacións, soportado actualmente por Web Logic, tecnoloxía pertencente tamén a Oracle. En palabras do director xerente de Edisa, Carlos Suárez Rei, “a aposta que hai 20 anos fixemos pola multinacional foi decisiva pois durante todo este tempo contamos cunha contorna estable sobre o que poder evolucionar o noso produto, adaptándonos ás necesidades do mercado en cada momento”. E engade: “Esta tecnoloxía vainos permitir presentar en datas vindeiras a versión 6 do noso produto, con importantes avances funcionais que doutro xeito non serían posibles; estamos plenamente convencidos de ter acertado ao seleccionar como base do noso produto as tecnoloxías de máximo nivel que utilizan as compañías máis grandes a nivel mundial”. Ademais, conclúe, con este acordo os clientes non terán que preocuparse dos produtos Oracle que hai por baixo de Libra, xa que estes xa forman parte do produto, ao que se coñece xa como Libra Suite Plus.

PUBLICIDADE