Eduardo Silvestre García (IBM) imparte este xoves en Ferrol unha conferencia sobre navegación autónoma e IA

martes, 10 de setembro do 2024 S. P.

O socio executivo de IBM, Eduardo Silvestre García, impartirá este xoves 12 de setembro (ás 19:00 horas, na Sala Carlos III da Fundación Exponav) a conferencia Navegación Autónoma: Proxecto Mayflower, convidado pola Cátedra Jorge Juan que promove a Universidade da Coruña en colaboración coa Armada e que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández.
Ao longo da súa intervención, Eduardo Silvestre García afondará nos aspectos máis relevantes do Mayflower Autonomous Ship 400, un buque autónomo de 15 metros de longo, 6,2 metros de ancho e 5 toneladas de peso que en 2022, e no marco dun proxecto de colaboración entre IBM e a ONG ProMare, cruzou o océano Atlántico botando man da Intelixencia Artificial. O obxectivo deste barco non tripulado era o de seguir a mesma ruta que o Mayflower, pioneira e histórica embarcación de peregrinos que viaxou desde Reino Unido a Nova Inglaterra en 1620.
A relevancia do deseño do barco autónomo ou como aplicar a Intelixencia Artificial nos eidos da navegación autónoma ou da experimentación científica serán algúns dos asuntos a debater no transcurso da conferencia do socio executivo de IBM.
Ao remate da mesma, celebrarase o acto de relevo na dirección da Cátedra Jorge Juan, no que o capitán de navío e comandante director da Escola de Especialidades Antonio de Escaño, Tomás Cordón Scharfhausen, substituirá no cargo á profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández. Cómpre lembrar que a dirección da Cátedra muda cada curso académico alternándose entre a Universidade da Coruña e a Armada.