Educación duplica para 2022 o orzamento adicado á transformación dixital do ensino

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, participou este 20 de outubro na inauguración do Salón de Oferta de Educación e Formación Profesional de Galicia que se celebra en Pontevedra. No acto achegou unha serie de detalles sobre a estratexia de transformación dixital emprendida polo seu departamento en materia de ensino, unha estratexia que duplicou o seu orzamento, tal e como se pon de manifesto nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2022, que contemplan unha partida específica de 58,6M€ para a Estratexia de Educación Dixital 2030.
Segundo dixo, a contía destinada a equipamentos, recursos e formación en competencias dixitais supón “máis do dobre” ca os 23,9 millóns contemplados nas contas do presente ano e blindará “o impulso modernizador e transformador” iniciado hai uns anos no sistema educativo galego.
O obxectivo, engadiu, é seguir afondando nos eixos estratéxicos do seu departamento, entre os que se inclúe “o deseño de accións planificadas para o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento para o conxunto da comunidade educativa”. Asemade, salientou outras accións ligadas ás competencias lingüísticas, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica (que inclúe o deseño dos novos espazos escolares poscovid tecnoloxicamente dotados, máis saudábeis e máis sustentábeis), e o impulso do modelo galego de FP e a súa aposta pola empregabilidade.

PUBLICIDADE