Educación e a USC lanzan unha aplicación para acadar a óptima ventilación nas aulas
martes, 5 de xaneiro do 2021- De esquerda a dereita, Mari Luz Macho, Vicente Pérez, Román Rodríguez, Jorge Mira e Alberto Pérez. Foto: Xunta de Galicia
Este
luns 4 de xaneiro presentouse en Santiago unha aplicación para
permitir aos nosos centros educativos xestionar os tempos de
ventilación das aulas, atendendo polo miúdo aos prognósticos
climáticos de cada área xeográfica. “Trátase de dispoñer das
mellores condicións de benestar para as actividades escolares” e
de calcular as mellores pautas para a circulación do ar, sinalou
o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, na
presentación da ferramenta, acompañado do catedrático da área de
Electromagnetismo da Universidade de Santiago (USC), Jorge Mira.
Detrás desta aplicación atópase un equipo da Facultade de Física
da USC, en colaboración coa Xunta. Estará dispoñíbel dende o
inicio deste trimestre en ventilacion.usc.es.
Ponse a disposición dos centros de xeito voluntario.
O
obxectivo, como explicou o conselleiro en rolda de prensa, é
“optimizar o tempo de ventilación nas aulas en función das
características propias dos centros escolares, tendo en conta a súa
contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas
por Meteogalicia, desa maneira mellorarase o confort térmico nas
aulas durante os meses de inverno”. Para iso, os investigadores
establecen estratexias de ventilación baseadas nas instrucións
aprobadas o pasado mes de outubro polo Comité Educativo co aval do
Comité Clínico. Estas indicacións, en liña coas existentes no
resto de España, sinalan a ventilación periódica como un elemento
imprescindíbel na prevención fronte á COVID-19.
Xunto
a Jorge Mira, participaron na presentación o vicerreitor de
Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez, e Alberto Pérez,
profesor da Facultade de Física da USC que desenvolve este proxecto
e profesor asociado na Universidade de Harvard. Por parte de
Meteogalicia, estivo presente a subdirectora xeral de Meteoroloxía e
Cambio Climático, Mari Luz Macho.
Manexo
sinxelo e asesoramento
A
primeira vez que accedan ao sistema, os usuarios deberán achegar os
datos básicos das aulas para as que desexan obter recomendacións
específicas (tipoloxía dentro dun menú despregábel, localización,
orientación xeográfica, superficie total e de ventilación, altura,
media de alumnado, etc). A partir desa información, e cruzada coa
predición meteorolóxica, obterán un resumo de datos así como
pautas de ventilación.
Estes
datos, sinalouse na presentación, permiten a adaptación aos
diferentes usos das aulas e mesmo a centros con horarios diferentes.
“Así mesmo, pode xerarse un informe en formato PDF para
distribuílo entre o claustro de profesores ou nas diferentes aulas”,
explicaron.
Partindo
da obriga de abrir 15 minutos antes do inicio das clases, 5 minutos
entre clases, durante a totalidade do recreo e 15 minutos ao final
das clases, do modelo desenvolto por estes expertos da USC derívanse
dúas estratexias posíbeis: unha ventilación a media clase (2 a 5
minutos cada 20 minutos aproximadamente) ou dúas ventilacións
durante a clase (2 a 5 minutos cada 15 minutos aproximadamente). Isto
permite optimizar os tempos de apertura ante situacións
climatolóxicas desfavorábeis.