Educación e o CPEIG premiarán os mellores traballos literarios dos escolares arredor da protección de datos

luns, 29 de xaneiro do 2018 Redacción

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez

Coas crianzas accedendo ás redes e aos dispositivos tecnolóxicos dende as idades máis temperás, faise máis necesario que nunca facer fincapé, nos colexios e nos fogares, na necesidade de protexer a súa información e a dos demais. Con este cometido, a Consellería de Cultura e Educación e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocan o segundo Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos, un certame dirixido ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que cursen quinto ou sexto de Primaria ou algún dos catro cursos de ESO. Segundo informan os organizadores, a iniciativa organízase con motivo do Día da Protección da Datos, que se conmemorou este 28 de xaneiro en toda Europa.
O obxectivo do concurso é “que a sociedade galega, en especial os máis novos, tomen conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, promovendo o coñecemento sobre os dereitos e responsabilidades nesta materia”. Os traballos presentaranos os propios centros educativos, a través do enderezo premioliterario@cpeig.gal, até as 15 horas do día 28 de febreiro de 2018.
Bases do certame
As obras que se presenten deberán ser inéditas e estar escritas en lingua galega. Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros, como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. O obxectivo dos traballos deberá ser responder a preguntas como Que é para ti a protección de datos?, Como afecta no teu día a día? ou Como podo protexer os meus datos?. Os textos de referencia serán Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).
A extensión dos traballos, que deberán presentarse en formato dixital en PDF, será de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de ESO, e de entre 800 e 1000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, o centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo.
Segundo lembran a Consellería e o CPEIG, a primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia, e os gañadores foron na categoría Eva Riveiro Formoso co traballo oinc, do Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, e Gustavo López Leyenda, co traballo PISOTE, do CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE