Educación entrega os premios aos mellores proxectos do STEMBach

xoves, 19 de xuño do 2025 S. P.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presidiu este xoves 19 de xuño o acto de entrega dos premios aos mellores proxectos de investigación do Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMbach.
Outorgouse o recoñecemento aos seguintes traballos: Células sintéticas disipativas moduladas mediante combustibles químicos, do Instituto IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña); Produción de bioplásticos a partir de augas residuais, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela); Semellanzas e diferenzas entre a xeometría das superficies plano, cilindro e esfera, do IES As Barxas (Moaña); Coñecendo as neuronas con anticorpos, do CPR Plurilingüe Lar (Mos), e Chequeo da triploidía na troita arcoíris, do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo).
O obxectivo destes galardóns é valorar o traballo que desenvolven os estudantes que curan esta modalidade de Bacharelato orientada a impulsar a formación STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da Intelixencia Artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.
Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou “a solidez dos proxectos que chegaron á fase final, que sobresaen pola súa metodoloxía e linguaxe científica e pola utilidade e pertinencia das hipóteses presentadas”. A maiores fixo fincapé tamén no importante traballo de colaboración que desenvolve o profesorado do STEMbach, as tres universidades públicas galegas, a UNED de Lugo e a Consellería “para que este Bacharelato sexa un referente na formación académica do alumnado e sexa un primeiro contacto coa metodoloxía que van empregar no seu futuro na universidade ou no traballo”.
Máis de 60 propostas
Un total de 63 propostas de 14 centros educativos optaron a estes premios. Deles, 34 foron co-dirixidos por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 14 pola Universidade da Coruña (UDC), 11 pola Universidade de Vigo (UVigo), dous pola UNED de Lugo e dous proxectos foron co-dirixidos por docentes de dúas universidades (un pola UDC e Uvigo e outro pola USC e UNED Lugo). Do total de proxectos presentados, 42 corresponden a sete centros da provincia da Coruña, oito a un centro de Lugo, cinco a dous centros de Ourense e oito a catro centros da provincia de Pontevedra.
O alumnado participante, de xeito individual ou en grupo, tivo que presentar un traballo de investigación. Nas distintas fases de avaliación tivéronse en conta criterios científico-técnicos (metodoloxía empregada, análise dos resultados, presentación dos mesmos, conclusións...), a memoria do proxecto (coherencia e calidade, estrutura e extensión, emprego de linguaxe científica axeitada, bibliografía...) e o vídeo de presentación (fluidez do mesmo, creatividade e orixinalidade, emprego de recursos visuais...).
Na fase final, celebrada este xoves, os aspirantes expuxeron en público os seus traballos e escolléronse os cinco gañadores. A relación de proxectos que chegaron á fase final e se expuxeron é a seguintes:
IES Agra do Orzán, A Coruña
UDC
Determinación da presenza dun xene no xenoma dun organismo
IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, A Coruña
UDC
Células sintéticas disipativas moduladas mediante combustibles químicos
IES Miraflores de Oleiros
UDC
Análise dinámica de estruturas con Arduino
IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago
USC
Produción de bioplásticos a partir de augas residuais
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes de Lugo
UNED Lugo e USC
Chequeo da triploidía na troita arcoíris
IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
UVigo
She is a most charming young lady, indeed”, adxectivos e linguaxe feminina/feminizada en Jane Austen e as irmás Brontë
IES Primeiro de Marzo da Guarda
UVigo
Uso de indicadores químicos para avaliar a acidificación dos océanos
IES As Barxas de Moaña
USC
Visualización e análise de proxeccións cartográficas e rutas xeográficas
IES As Barxas de Moaña
USC
Semellanzas e diferenzas entre a xeometría das superficies plano, cilindro e esfera
CPR Plurilingüe Lar de Mos
UVigo
Coñecendo as neuronas con anticorpos
Paquete de novidades
A Xunta creou o pasado curso estes premios para poñer en valor o traballo dos estudantes do STEMbach, un programa enmarcado na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030. Todos os centros participantes, profesorado e alumnado recibe un recoñecemento e mención da súa participación nesta convocatoria. Os proxectos de investigación gañadores reciben un recoñecemento especial e distintivo para remarcar e subliñar o esforzo e o traballo realizado polo alumnado.
Os galardóns forman parte dun paquete amplo de novidades, como o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado participante, polo que os estudantes que superan o programa e se matriculan posteriormente nalgunha das universidades públicas ve recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poden obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e ata un máximo de 6 créditos ECTS.