Educación prepara un plan para garantir o ensino virtual se a crise sanitaria recrúa

luns, 14 de setembro do 2020 S. P.

O Goberno galego anunciou estes días o inminente remate dun plan específico para formar ao profesorado en competencias dixitais a través da fórmula do ensino virtual, un plan que achandará o camiño de cara a un posíbel endurecemento das circunstancias derivadas da crise sanitaria. O Plan de Continxencia para o ensino non presencial ou semipresencial, de feito, é en si mesmo un recurso para evitar que o sistema educativo se vexa afectado pola pandemia. Así o fixo saber o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Tamén explicou que o plan, no que xa están traballando os técnicos da consellería e expertos docentes na materia, incluirá “medidas dirixidas ao profesorado e ao alumnado, así como información específica para as familias, e protocolos xerais e específicos de actuación dentro do sistema”. Así mesmo abranguerá “un ámbito formativo específico para o profesorado, así como o reforzo de equipamento tecnolóxico para os centros e o alumnado e a implementación de contidos educativos específicos para a aprendizaxe en liña”.
Nas súas palabras, “trátase de poñer a disposición de alumnado e de profesorado todas as ferramentas tecnolóxicas e recursos formativos necesarios para a activación do ensino á distancia, se fora necesario”.
Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de habilitar no seu portal web o espazo Volvamos á escola con sentidiño, no que se facilita o acceso a toda a información de interese sobre as medidas da Xunta en relación á adaptación do curso escolar 2020/2021 no contexto da pandemia da COVID-19. A principal novidade neste espazo é a incorporación dunha guía ilustrada que resume o protocolo específico do Goberno galego, con medidas básicas como a realización de test serolóxicos para todos os traballadores do sistema educativo, a designación dun equipo COVID en cada centro, así como a habilitación dun centro de saúde de referencia asignado a cada colexio ou instituto para consultar dúbidas, entre outras.

PUBLICIDADE