Educación reforza as bibliotecas escolares como espazos creativos e innovadores
xoves, 29 de xaneiro do 2026
A Consellería de Educación anunciou que está a reforzar o papel activo das bibliotecas escolares como “espazos de creación, experimentación, innovación e traballo cooperativo”, e faino a través do programa Biblioteca Creativa, no que participan un total de 211 centros, 25 deles de nova incorporación este curso.
O conselleiro Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou este mércores 28 de xaneiro unha xornada formativa deste programa na que se dan cita máis de 200 coordinadores do mesmo, un encontro de intercambio de experiencias e boas prácticas e que se completa con oito obradoiros de temáticas tan variadas como as técnicas de creación de ilustracións con tecido e fío, a banda deseñada, a ficción dixital e os escornabots para a introdución da linguaxe da programación.
O representante da Xunta de Galicia lembrou que as bibliotecas escolares “son un orgullo do noso sistema educativo” e “unha referencia na aprendizaxe e o reforzo das competencias académicas”. Non en balde, Galicia lidera o ránking estatal con máis bibliotecas escolares en funcionamento.
As bibliotecas escolares participantes no programa Biblioteca Creativa, ademais de recibir apoio económico anual, dótanse dun espazo de creación e experimentación que achega ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados.
“A través del estimúlase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional con diferentes actividades”, explicou o conselleiro, engadindo que se busca tamén “promover a expresión oral, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo”.
