EdugalIA reúne expertos internacionais para avanzar no uso da IA na educación
xoves, 2 de xullo do 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá a xornada de traballo do equipo asesor do proxecto EdugalIA, que reúne entre hoxe e mañá profesionais de recoñecido prestixio procedentes de universidades e institucións académicas nacionais e internacionais para analizar o uso dos datos e da intelixencia artificial no ámbito educativo.
Na reunión participan representantes dos ámbitos tecnolóxico e pedagóxico das universidades de Harvard, Boston, Oxford e Finlandia, así como investigadores das universidades galegas, de centros de investigación de referencia como o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o Barcelona Supercomputing Center e a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Tamén asisten especialistas en gobernanza educativa, pedagoxía, análise de datos e intelixencia artificial.
O encontro ten como finalidade debater e profundar no coñecemento sobre a anonimización de datos sensibles para facilitar o seu uso mediante sistemas de intelixencia artificial, así como avanzar na implantación da plataforma de xestión GaliOrienta. Esta ferramenta incorporará a IA ao labor dos departamentos de orientación co obxectivo de contribuír á prevención do abandono educativo temperán e do absentismo escolar.
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a proxección «nacional e internacional» de EdugalIA, considerado o mellor proxecto de España de aplicación da intelixencia artificial á educación tras obter 10 millóns de euros de financiamento a través do proceso de Compra Pública Innovadora, o que o sitúa na vangarda das políticas públicas de I+D+i.
O conselleiro tamén salientou o interese que a iniciativa está a xerar entre as principais empresas do sector tecnolóxico, xa que un total de 18 compañías presentaron propostas para optar ao contrato de desenvolvemento do proxecto.
EdugalIA aspira a transformar a maneira de deseñar, xestionar e avaliar as políticas educativas mediante o uso da intelixencia artificial como apoio á toma de decisións. A súa implantación permitirá dispoñer de infraestruturas analíticas capaces de integrar todas as fontes de datos para mellorar aspectos clave, como a detección temperá de situacións de risco, entre elas o abandono escolar, favorecendo unha atención máis especializada, personalizada e inclusiva.
