Eixo Atlántico estrea canles en WhatsApp e na rede social Bluesky
martes, 11 de febreiro do 2025
O Eixo Atlántico estreou este mes de febreiro novas canles de comunicación, co obxectivo de amplificar a información que achega a entidade a toda a cidadanía de Galicia e o Norte de Portugal e tela ao tanto das súas actividades. Trátase dunha nova canle oficial en WhatsApp e unha conta de comunicación na rede social Bluesky.
Estas novas canles, informa o Eixo Atlántico, permitirán a todos as persoas interesadas recibir de xeito rápido e directo os comunicados de prensa, actualizacións sobre os eventos e actividades e outras novidades da entidade.
Ademais, seguirán dispoñibles as restantes canles de comunicación do Eixo Atlántico, a súa páxina web e máis as redes sociais en Facebook e X.
As persoas interesadas poden adherirse a esta canle de WhatsApp (co obxectivo de recibir ao momento notificacións instantáneas de todo o que sucede no Eixo Atlántico e Bluesky (onde será publicado contido exclusivo e actualizacións dos proxectos da entidade galego-portuguesa).
“A través destas novas canles de comunicación, buscamos achegarnos máis á cidadanía, facilitar o acceso á información e fomentar unha maior participación nas nosas actividades”, explican dende Eixo Atlántico.
