El Catalejo convoca ós internautas para votar o mellor e o peor da Rede

luns, 17 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Con independencia de que escolmar o peor da Rede case sempre é máis divertido ca andar a remexer no bo (sobre todo se temos en conta que procurar o bo leva máis tempo), semella que o certame que por segunda vez vén de convocar El Catalejo ten o seu interese: un certame participativo no que os internautas eliximos os chascos e os acertos máis salientables da Internet no que vai de ano.
A iniciativa, que forma parte a fin de contas desta febre que nos entra a todos en decembro de ollar cara a atrás e facer colleita, achega unha serie se pescudas para non meterse a tentas no fregado: Twitter, Facebook ou mesmo o blog galego A mis 95 años son exemplos tan votables coma calquera outro.
Para quen nin así saiba por onde tirar, El Catalejo pon a hemeroteca á súa disposición. O prognóstico é publicar os resultados (se hai sorte e participación abonda) a semana que vén.

PUBLICIDADE