El Escarabajo Verde céntrase esta semana na destrución do Courel

xoves, 3 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Xa podemos ver na Web un avance do estudo que veñen de facer os responsables do programa El Escarabajo Verde de La 2 sobre a que (polo menos até o de agora) estaba considerada a xoia da biodiversidade de Galiza, a comarca do Courel. O espazo, que se emite cada 7 días en boa medida poñendo de relevo causas e consecuencias de problemas ambientais do territorio español, céntrase desta volta na dita paraxe lucense baixo o seguinte título: O Courel sale a la pizarra. Poderemos velo ás 12 horas na dita cadea estatal.
Polo que se avanza no espazo en liña do programa, semella que o director Mario de la Mano tentou meterse no fondo da problemática, procurando as declaracións de quen defende dunha ou doutra maneira a presenza das explotacións pizarreiras (que son as que está a acabar con esta paisaxe, malia a achega de cartos e postos de traballo) e de quen aposta por actividades económicas alternativas, máis sostibles e máis acordes co contorno.
No documental tamén se aborda o conflito da mina da Campa, unha das concesións da firma Cupa Group (con participación de Caixa Galicia) “que para os conservacionistas é exemplo de todo o negativo deste tipo de industrias que fundamentan o seu traballo no estrago da natureza”, sinálase na web de El Escarabajo Verde.

PUBLICIDADE