Eladio Santos reúnese cos alcaldes da comarca de Viana para a implantación de banda larga na zona

xoves, 21 de novembro do 2024 S. P.

No marco do Programa ÚNICO e o Plan PEBA-NGA do Goberno, reuníanse na mañá de onte, mércores 20 de novembro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, cos alcaldes da Gudiña, Néstor Ogando; A Veiga, Juan Anta; A Mezquita, Rafael Pérez; Viana do Bolo, Andrés Montesinos; e coa rexedora de Vilariño de Conso, Melisa Macía; a finalidade deste encontro era a implantación da banda larga na comarca de Viana. Engadir que nesta xuntanza tamén estivo presente o xefe provincial de Telecomunicacións, Enrique San Martín.
Indo aos proxectos en cuestión, sinalar que a meta de ambos é que o 100% da poboación conte con Internet de alta capacidade no 2025. Para iso, de 2018 a 2021, o Goberno mobilizou máis de 1.120 M€ dentro do Plan PEBA-NGA do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública, coa finalidade de lograr a introdución da banda larga de nova xeración. Asemade, destinou, desde a súa posta en marcha e até 2023, 2.000 M€ dentro do Programa ÚNICO-Banda Larga do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa.
Cómpre engadir que estas propostas, financiadas con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, levaron Internet ultrarrápida a máis de 4 millóns de vivendas, conseguindo reducir de maneira significativa a brecha de conectividade entre o rural e o urbano.
Na reunión de onte falouse polo miúdo da evolución destes proxectos na nosa comunidade, concluíndo que entre 2022 e 2023, grazas ao Programa UNICO, máis de 174.000 vivenda galegas acadaron banda larga ultrarrápida. Todas elas pertencentes a zonas brancas, é dicir, aquelas contornas que teñen unha conexión menor aos 30 Mbs. Para conseguir este obxectivo foi precisa unha achega estatal de máis de 70 M€ para a nosa comunidade durante eses dous anos.