ElevenLabs publica unha versión en audiolibro da Odisea coa voz sintética oficial de Michael Caine
martes, 23 de xuño do 2026
ElevenLabs anunciou o lanzamento dunha adaptación en audiolibro de A Odisea, dispoñible en exclusiva a través da aplicación ElevenReader e narrada coa voz oficial xerada por intelixencia artificial do actor británico Michael Caine, o que lembra o grande catálogo de voces célebres (como a de Stan Lee) que están a construír para goce dos seus usuarios.
«A Odisea é unha das historias máis grandes xamais contadas», afirma Michael Caine. «Ao unir a narración clásica coa innovación dixital, esta epopea reinvéntase para o público actual grazas a ElevenReader. Foi un pracer formar parte desta nova versión».
A produción permite escoitar de balde o poema épico de Homero, seguindo a viaxe de Odiseo desde a caída de Troia ata o seu regreso a Ítaca, incluíndo os seus encontros con deuses, monstros e outros personaxes mitolóxicos.
O proxecto, que chega poucas semanas da estrea da adaptación cinematográfica da obra clásica, constitúe o primeiro audiolibro orixinal desenvolvido por ElevenProductions. A obra combina a voz sintética de Michael Caine cun elenco completo de voces para os distintos personaxes, música orixinal e efectos sonoros creados mediante os modelos de audio baseados en intelixencia artificial de ElevenLabs.
Jack McDermott, integrante do equipo da compañía, destaca que «durante séculos, historias como A Odisea transmitíronse oralmente e por escrito». Segundo explica, esta produción pretende continuar esa tradición mediante a combinación da creatividade e o criterio humanos con ferramentas de audio baseadas en IA para ofrecer unha experiencia inmersiva adaptada ao público actual.
O audiolibro está dispoñible de balde a través da aplicación ElevenReader.
