Elgato aposta pola mellora da calidade da produción dos vídeos en directo a través da Rede

mércores, 9 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Un dos fabricantes máis populares de capturadoras de vídeo para gamers, que facilitan a retransmisión de partidas en vivo (ou a súa gravación), Elgato, está a ampliar o seu catálogo de produtos para facilitar unhas producións de vídeo máis profesionais coa Cam Link e a Green Screen, produtos que estarán dispoñibles a partires do 18 de agosto e que xa poden reservarse a través de Amazon.
A Cam Link é un pequeno dispositivo USB ao que pode conectarse unha cámara réflex, unha videocámara ou unha cámara deportiva ao ordenador, para non ter que limitar a calidade de imaxe captada a unha webcam, de xeito que pode ofrecerse vídeo até 1.080p a 60 imaxes por segundo cunha latencia ultrabaixa e podendo gravar os contidos directamente no disco duro do equipo informático e gozando da vista en pantalla en tempo real (para así poder corrixir as tomas sobre a marcha).
Esta solución é moi práctica para gameplays, unboxings ou calquera outra cousa que se queira emitir en directo, precisando para funcionar como mínimo un ordenador cun procesador Intel Core i5 de cuarta xeración con catro núcleos e un porto USB 3.x baixo Windows 10 ou macOS Sierra. O seu prezo de venda é de 129,95 euros, o que sería máis económico que as capturadoras de Elgato orientadas ao gaming principalmente polo feito de que este accesorio carece de saída HDMI, o que tamén permítelle ter un tamaño moi compacto.
Para completar á Cam Link, temos a nova Green Screen, un panel pregable para facer chromakey, ou sexa, un lenzo de cor verde cun tamaño de 180 x 148 centímetros que poden recollerse para ocupar só 148 x 11,5 x 10,5 centímetros, e integra os soportes que facilitan a súa colocación estable de xeito que chega con colocala detrás do usuario e iluminar para poder presentar detrás do mesmo un panel de cor uniforme sobre o que poder amosar a imaxe que queiramos facendo chroma (ou sexa, substituíndo a cor verde por a imaxe ou vídeo que desexemos) conseguindo unha grande inmersión.
Este produto pretende axudar a eliminar fondos, de xeito que podemos conseguir que un dormitorio ou un rocho poidan parecer un estudio profesional, podendo retirarse estes aparellos en poucos segundos para o seu almacenamento sen ocupar moito espazo e facilitando incluso o seu transporte. O seu prezo de venda é de 149,95 euros, o que é un prezo bastante elevado para este tipo de produto, aínda que cómpre advertir que semella moito máis doado e rápido de empregar que as alternativas máis económicas.
A combinación de Cam Link e Green Screen, aínda que está orientada a gamers, pode resultar atractiva para moitos creadores de contidos que queren realizar emisións en directo ou gravacións no seu ordenador, por achegar unha solución con acabados profesionais por un prezo contido e baixo unha marca solvente.

A Green Screen ten unha estrutura que facilita a súa colocación e tamén permite o seu gardado rápido e compacto

Vídeo promocional da Green Screen de Elgato

PUBLICIDADE