Elgato dá un toque de cor aos seus produtos

xoves, 17 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Entre os creadores de vídeo en directo a través da Internet son moi populares os accesorios de Elgato, por facer máis doadas as retransmisións especialmente grazas aos paneis de control Stream Deck, que foron acompañando con outros dispositivos moi ben levados e, para favorecer estas sinerxías xa non tiran só do software, senón tamén da estética, co que deron en chamar Dreamscape, e que consiste en que agora estes produtos se ofrecen en novas e divertidas cores, facilitando a personalización do espazo dende o que se comunica ao mundo.
Os produtos que poden adquirirse agora en novas cores con o citado Stream Deck (e as súas cubertas), a interface de audio Wave XLR (e as súas cuberats), os micrófonos Wave DX e Wave:3 e o brazo de micrófono de perfil baixo da compañía, sendo as cores dispoñibles verde bosque, rosa pétalo, lavanda salvaxe e xeo glaciar.
Para favorecer a composición de setups con estes accesorios dende Elgato ofrecen descontos de entre o 5 e o 20% para a compra de varios destes dispositivos, e continúa a comercializar os modelos ordinarios (que normalmente están dispoñibles en cor negra e branca, agás a interface de audio, que só estaba dispoñible en cor negra).
Dado que esteas novas versións dos produtos de Elgato manteñen o prezo das edicións normais, é posible que a colección Dreamscape consiga certo éxito grazas ao toque distintivo que achega aos creadores de contido, que conseguen así fuxir das cores tradicionais, o que semella terlle funcionado ben no pasado, xa que tamén comercializan accesorios de edición limitada inspirados en Doom The Dark Ages e Call of Duty.

Elgato ofrece catro novas cores coa súa colección de accesorios de edición limitada Dreamscape