Elgato lanza unha nova capturadora de vídeo coa vista posta na Switch 2

martes, 22 de xullo do 2025 Redacción

Elgato vén de pór á venda a 4K S, unha nova capturadora externa deseñada para achegar capacidades profesionais de gravación e retransmisión de videoxogos ao grande público a un prezo de 179,99 euros. Este novo dispositivo é o sucesor do modelo HD60 X, un dos máis vendidos da compañía, e chega con importantes melloras para quen quere transformar as súas partidas en contido de alta calidade para plataformas como Twitch, YouTube ou TikTok.
A 4K S ofrece captura en 4K a 60 fotogramas por segundo, passthrough sen latencia e unha previsualización case instantánea na pantalla do ordenador. Isto garante unha experiencia fluída, mesmo en xogos de alta intensidade, cunha resposta da imaxe de só 30 milisegundos nos sistemas compatibles. A capturadora é compatible coas consolas de Sony, Microsoft e tamén coa nova Nintendo Switch 2, permitindo capturar partidas en 4K60 mentres a consola está conectada á base. Ademais, mantén o soporte para iPadOS e permite a captura directa en iPad con porto USB-C.
Ademais da calidade 4K60, a 4K S admite formatos de captura de alta frecuencia como 1440p a 120 Hz e 1080p a 240 Hz, ideais para títulos como Call of Duty ou Valorant, nos que a velocidade e a precisión son fundamentais. Grazas ao passthrough sen latencia, o xogo móstrase de forma instantánea na pantalla principal, e a previsualización en tempo real fai innecesaria unha segunda pantalla.
A 4K S integra funcións como passthrough con HDR10 en 4K60, captura HDR10 ata 1080p60 en Windows, compatibilidade con VRR para unha imaxe máis fluída e entrada de audio analóxica para chat de voz. Funciona vía USB-C en Windows 11, macOS 13 e iPadOS 18 sen necesidade de instalar controladores, e grazas á súa compatibilidade UVC é recoñecida por aplicacións como OBS Studio, Streamlabs, Zoom ou TikTok Live Studio.