Elgato presenta un panel con 6 botóns LCD programables

martes, 24 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado Elgato lanzou o seu Stream Deck, un panel que integra 15 teclas LCD programables pensando principalmente no uso de atallos para empregar durante as retransmisións en directo de videoxogos, pero este produto pode ser demasiado caro (149,95 euros) e completo para moitos usuarios, de aí que agora anuncien unha versión reducida do mesmo, o Stream Deck Mini, con só 6 botóns LCD programables, que xa podemos reservar por 102,62 euros.
Con este teclado externo programable búscase que os creadores teñan un xeito áxil de cambiar de escena, lanzar contidos multimedia, controlar un chat ou disparar diferente tipos de accións, estando moi ben integrada esta solución nas aplicacións de referencia (OBS, XSplit, Twitch, YouTube, Twitter, Mixer...).
Pero este accesorio non só serve para disparar sons e imaxes GIF animadas durante retransmisións en directo, ou alternar entre escenas nas emisións de vídeo, senón que tamén poden empregarse para lanzar aplicacións e páxinas web, abrir cartafoles, programar accións múltiples ante unha única situación e mesmo a xeito de atallos para aplicacións creativas ou de produtividade (de xeito que teremos un botón cunha imaxe personalizada en vez de ter que memorizar combinacións de teclas para realizar unha función). Ou sexa, que aínda que Corsair (fabricante que adquiriu a marca Elgato hai cousa dun mes) venda este produto para gaming realmente é un teclado externo programable que pode resultar de grande utilidade en moitos outros ámbitos.

O panel con botóns programables pode resultar moi práctico durante a realizacións de retransmisións de vídeo en directo

PUBLICIDADE