Elgato presenta un teleprompter ideal para streamers

martes, 17 de outubro do 2023 Marcus Fernández

A marca de accesorios orientados principalmente a xogadores e streamers, Elgato (propiedade actualmente de Corsair), vén de presentar un novo produto moi atractivo, que consiste nun teleprompter compacto tras o que podemos colocar unha cámara ou unha webcam, para así poder estar vendo contido mentres se mira a cámara, conseguindo unha maior conexión con espectadores e interlocutores.
Elgato Prompter está composto basicamente por unha pantalla de 9 polgadas (cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles) que reflexa a súa imaxe nun cristal de espello tras o que agochamos a cámara. A pantalla conéctase ao noso ordenador mediante USB-C e pode servir para que proxectemos un guión que ler sen que se note, unha presentación de PowerPoint, un chat en directo ou basicamente calquera cousa que desexemos ver mentres falamos a cámara, e que incluso podemos aproveitar como monitor secundario cando non usemos a cámara simplemente para ver algo aparte do noso monitor principal (como seguir unha retransmisión deportiva mentres facemos outra cousa).
A grande vantaxe deste teleprompter é que funciona sen grandes complicacións, pois xa inclúe pantalla, e incorpora o software que facilita replicar os contidos que desexemos nesta pantalla externa, facilitando así que, por exemplo, poidamos participar nunha videoconferencia mantendo en todo momento o contacto visual co resto de participantes, ou incluso dando datos importantes sen que o resto de persoas perciba que se están a ler en pantalla, dun xeito semellante a como fan os presentadores de informativos en televisión.
Esta interesante solución é compatible con numerosas cámaras dixitais mediante aneis adaptadores, aínda que o fabricante recomenda empregar o Elgato Prompter coa webcam Facecam Pro da mesma marca (xa que é unha cámara capaz de ofrecer vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo, garantindo así unha grande calidade).
Para empregar este trebello como un teleprompter tradicional inclúe a aplicación Camera hub, na que podemos dar formato a un guión, organizar o contido en capítulos, definir o tamaño de letra e incluso marcar a velocidade á que se desprazará o texto en pantalla, para que así poidamos ler ao noso ritmo os textos que queiramos narrar sen que se note. A aplicación tamén está preparada para proxectar o chat de canles de Twitch.
Ao funcionar como un monitor externo, tamén é posible arrastrar calquera aplicación, arquivo ou navegador para velo no Elgato Prompter e, como era de esperar, tamén é posible manexar o trebello con dispositivos Stream Deck.
Non hai dúbidas en que estamos ante un dispositivo moi ben pensado, que resulta moito máis cómodo que outros teleprompters que basean o seu funcionamento no uso de móbiles e tabletas, pero, en consecuencia, temos tamén que é un produto bastante máis caro, vendéndose oficialmente a 299,99 euros, de xeito que é preciso un mínimo de actividade para xustificar tan investimento.

Vídeo promocional do Elgato Prompter

PUBLICIDADE