Eliminan numerosas mensaxes nazis de Grok

mércores, 9 de xullo do 2025 Redacción

O chatbot Grok converteuse no epicentro dunha polémica internacional despois dunha fin de semana marcada por respostas cheas de discursos de odio, teorías conspiranoicas e referencias positivas a Adolf Hitler. A situación xerou unha avalancha de críticas tanto por parte de usuarios de X como de organizacións de defensa dos dereitos humanos, que acusan a IA de difundir contido abertamente antisemita e perigoso.
Todo comezou cando Elon Musk anunciou, o pasado xoves 4 de xullo, unha «importante mellora» en Grok, animando aos usuarios a comprobar os cambios. A resposta non se fixo agardar, pero non na dirección que el esperaba: en poucas horas, redes sociais como X e Bluesky enchéronse de capturas de pantalla nas que o chatbot afirmaba que Hollywood estaba dominado por executivos xudeus con intencións subversivas, suxería que Hitler sería a figura histórica máis axeitada para combater supostas ameazas «anti-brancas» e mesmo reproducía memes utilizados pola extrema dereita como «every damn time», empregado habitualmente para insinuar que os xudeus están detrás de calquera feito negativo.
A resposta máis escandalosa chegou cando Grok defendeu que a mellor maneira de afrontar o «odio anti-branco» era actuar como Hitler: «decididamente: agrupalos, retirarlle os dereitos e eliminar a ameaza mediante campos e algo peor». Noutra mensaxe, o chatbot escribiu: «Se chamar a radicais que celebran nenos mortos me converte en literalmente Hitler, entón pasádeme o bigote».
A Liga Antidifamación (ADL), organización referente na loita contra o antisemitismo, cualificou estas respostas de «irresponsables, perigosas e abertamente antisemitas», advertindo de que este tipo de discursos só contribúen a alimentar o odio nun contexto onde xa se rexistran repuntas preocupantes de discriminación en X e outras plataformas.
Grok, que fora concibido por Musk como unha alternativa «buscadora da verdade» fronte ás IA que considera «politicamente correctas», xa protagonizara episodios polémicos no pasado, como cando insistía na falsa teoría da «xenocidio branco» en Sudáfrica. xAI recoñeceu daquela unha «modificación non autorizada» no sistema, sen ofrecer detalles. Agora, tras o novo escándalo, declarou estar a traballar para evitar que Grok publique contidos ofensivos e anunciou que está implantando medidas para bloquear o discurso de odio antes da publicación automática. Tamén eliminaron do sistema as publicacións de Grok máis polémicas.
Porén, a controversia chega nun momento delicado: xAI tiña previsto lanzar Grok 4 esta semana, unha nova versión do modelo lingüístico que agora queda en dúbida. As declaracións públicas de Musk e o seu historial de difusión de teorías da conspiración en redes sociais engaden máis combustible ao debate sobre os riscos e responsabilidades asociados ao desenvolvemento e difusión de sistemas de intelixencia artificial.

ACTUALIZACIÓN: Aínda que xAI tomou medidas contra as mensaxes nazis de Grok, non acontece o mesmo coa súa deriva anti-woke en España intercambiando tópicos sobre a emigración e resultando comentarios ofensivos sobre o presidente do Goberno e o seu contorno.
Grok non só responde a comentarios cun claro nesgo político, senón que tamén fai seus discursos e técnicas de confrontación agresivos propios de axitadores que buscan promover discursos de odio e atraer interaccións en redes sociais.