Ellas Vuelan Alto reivindicou en Ourense o papel da muller no sector aeronáutico
xoves, 12 de xuño do 2025
O Campus de Ourense acolleu na tarde deste 12 de xuño o evento Quen son as mulleres que fan voar Galicia?, organizado pola asociación Ellas Vuelan Alto, que reuniu a cinco profesionais galegas que, desde distintos ámbitos, están a contribuír ao impulso do sector aeronáutico.
Na sesión participaron Vanesa Argibay Alonso, da empresa UARX Space; Eunate Bañales Echarri, da compañía Telespazio Ibérica; María De la Luz Gil Docampo, da USC; Lidia Gómez Quejido, de Centum Research & Technologies e Margarita Ardao, directora xeral de Estratexia Industrial. A mesa redonda foi dirixida a dar visibilidade ao papel da muller no sector, pór en valor o talento feminino, fomentar o intercambio de ideas e xerar referentes que inspiren ás novas xeracións.
Ellas Vuelan Alto é unha asociación que quere dar voz e visibilizar á muller no puxante tecido aeroespacial ao tempo que fomenta a igualdade e actúa no ámbito político, académico, empresarial e social, tomando como base a Carta Magna das Nacións Unidas.
Na mesa deste xoves, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou que “non podemos construír un futuro innovador e competitivo sen contar co talento feminino” e puxo en valor o potencial da nova Iniciativa Estratéxica de Aeroespazo, Seguridade e Defensa para “xerar emprego e impulsar o liderado das mulleres no sector”, indicou.
Durante a súa intervención, Ardao insistiu no compromiso da Xunta de Galicia coa consolidación dun ecosistema industrial sólido e innovador a través desta nova estratexia: “Unha folla de ruta representa unha oportunidade sen precedentes para o desenvolvemento industrial, a captación de investimentos e a creación de emprego cualificado en Galicia”, dixo.
A directora xeral manifestou que “a nova estratexia traerá consigo novos proxectos tractores, a consolidación de infraestruturas estratéxicas e a xeración de emprego de alta cualificación”. Amais, Margarita Ardao reivindicou o papel determinante das mulleres neste proceso de transformación e dixo que a Xunta ten un firme compromiso cun modelo industrial máis inclusivo, competitivo e innovador, onde as mulleres teñan un papel protagonista na construción da Galicia do futuro.
