Elogia posiciónase como operadora de negocios dixitais con servizos full digital commerce

martes, 19 de novembro do 2024 S. P.

A empresa de orixe galega Elogia, referente histórico do comercio electrónico e da mercadotecnia en liña, vén de compartir os detalles da súa nova estratexia, reposicionada para converterse en operadora de negocios dixitais e ofrecer servizos integrais de full digital commmerce.
A axencia, integrada no grupo Viko, ten ás súas costas máis de dúas décadas de actividade en estratexias de mercadotecnia dixital. Agora, na súa nova andaina, lánzase a xuntar produto, operación e loxística nun mesmo equipo. O obxectivo é axudar aos seus partners a “medrar de maneira tanxíbel”.
Este novo enfoque, no que Tandem Up súmase tamén como hub á compañía, busca marcar unha clara diferenza con respecto ás axencias dixitais tradicionais: Elogia ocuparase de toda a cadea de valor dun produto e converterase, en palabras da empresa, “no mellor partner para aquelas empresas que buscan superar os seus desafíos de crecemento alcanzando o éxito na era dixital”.
Álvaro Gómez, director executivo (CEO) de Elogia, sinala que “na empresa decatámonos de que xa non abonda con ter unha estratexia de marketing online; a vantaxe competitiva está en integrar todo o que facemos en liña co resto de partes do negocio. De igual maneira que o consumidor entende que unha compra en liña non remata no check-out, na nosa experiencia se non estás a vender o catálogo correcto nas canles correctas é moi difícil gañar diñeiro, con independencia do ben que fagas o labor de marketing. Por iso organizámonos ao redor do full digital commerce, para que todas as pancas de negocio traballen de maneira sinérxica”.
Esta metodoloxía de Elogia inclúe de feito o emprego de todas as pancas dixitais dispoñíbeis para asegurar un crecemento sostíbel: desde a percepción de marca e a elección de canles de venda, ata a propia venda en liña e a entrega de última milla. Dentro deste marco, Elogia distingue entre dous modelos de comercio: direct commerce, en referencia a aquelas transaccións realizadas sen a intervención directa do vendedor (como en ecommerce, marketplaces e SaaS); e, assisted commerce, que implica compras mediadas por vendedores ou terceiros (como en B2B, banca, seguros, utilities, automóbiles, educación e gran consumo).
Para abordar ambos os modelos, a compañía adapta as súas solucións enfocándose nas pancas de maior impacto traballando con proxectos en tres fases de madurez: lanzamento, tracción e escala, que permiten axuntar as experiencias acumuladas en playbooks que para replicar todos os éxitos conseguidos ata a data.