Elogia presenta a plataforma eMMa para botar unha man nun eido laboral de gran complexidade: o mobile marketing

mércores, 28 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa Elogia, con sede en Vigo, presentou este martes en Madrid, no AC Cuzco de Madrid, un novo servizo dirixido a facerlles a vida máis doada aos equipos de traballo especializados nas novas estratexias tecnolóxicas de promoción, publicidade e demais. O servizo, chamado eMMa, é unha plataforma que integra, baixo un mesmo acubillo, labores ligadas á mobilidade e ao marketing dunha empresa, dous termos, en virtude do espallamento xeralizado de trebellos intelixentes, cada vez máis interrelacionados.
A plataforma, que recolle as siglas Elogia Mobile Marketing Analytics, foi dada a coñecer por Antonio Sánchez, director do departamento de publicidade ligado ás novas posibilidades, moitas e ben variadas, que ofrecen os devanditos trebellos.
Segundo fixo saber, trátase dun recurso específico que lle vai permitir a calquera firma crear o seu propio evento e dar forma ao seu propio tracking, deseñándoo á súa medida en función das súas necesidades. Isto significa, dixo, que teremos control total sobre as nosas aplicacións en teléfonos intelixentes, dándonos marxe para xestionar campañas, afianzar ligazóns cos clientes e usuarios móbiles ao tempo que os coñecemos mellor e temos un contacto directo.
Na presentación celebrada en Madrid tamén participou Pilar Gallo, de Google, quen subministrou información sobre a importancia que ten e terá o que se coñece como mobile marketing, un novo ámbito no que se xuntan mobilidade, publicidade, comercio e, a fin de contas, novas canles para irmos sacando da crise a actividade produtiva. Para facérmonos unha idea e “só no ano pasado”, informou, “gastáronse a través deste ámbito 86.100 millóns de dólares en todo o mundo, e 141 millóns de persoas fixeron operacións a través do seu aparello”.
Volvendo á ferramenta de Elogia, dicir que foi presentada, días antes da cita en Madrid e segundo nos avanzou EGANET, como unha plataforma "sinxela, intelixente e dialogante". O seu obxectivo, como dixemos, é facer máis doado o traballo dos equipos de promoción e publicidade, en virtude do seu entrecruzamento coas novas plataformas, canles e ámbitos tecnolóxicos, cada vez máis complexo e supeditado a actualizacións e readaptacións de toda índole. A ferramenta eMMa, que xa pasou unha fase de probas de dous meses “con resultados altamente eficaces”, apuntan a empresa, incorpora funcións MobAction & Reporting personalizadas e en tempo real, podéndose optimizar e mellorar ao máximo o retorno do investimento.