Elon Musk completa a compra de Twitter

venres, 28 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Elon Musk entrou nas oficinas de Twitter cun lavamáns para facer unha broma (xa que en inglés «deixa que introduza o lavamáns» podería traducirse como «deixa que se afunda»).

Coa mensaxe «liberouse o paxaro» Elon Musk anuncia que completou a accidentada compra de Twitter, horas despois de lanzar un comunicado dirixido aos anunciantes de Twitter no que insiste en que a súa adquisición está motivada polo feito de que considera que Twitter «é importante para o futuro da civilización» a xeito de ágora, asegurando que na actualidade as opinións políticas polarízanse en cadansúa cámara de eco provocando unha sociedade máis dividida e con máis odio.
Musk sostén que moitos medios favoreceron a polarización política, pois consideran que iso achégalles máis visitas (ou sexa, xera máis cartos), algo que non persegue con Twitter, preferindo abrir o diálogo entre todo tipo de usuarios, aínda que detallando que continúa a ser preciso respectar as lexislacións de cada territorio (polo que o que se diga pode ter consecuencias). Neste contexto considera que Twitter pode converterse nunha plataforma para a publicidade relevante, que poida verse como contido en vez de como lixo.
O primeiro que se soubo tras completarse a compra de Twitter é que o director xeral da compañía, Parag Agrawal, e o director financeiro, Ned Segal, deixan a compañía; sabéndose logo que a máxima responsable do equipo legal, Vijaya Gadde (quen tomara a decisión de suspender permanentemente a conta de usuario de Donald Trump), e o conselleiro xeral Sean Edgett, correrían a mesma sorte, chegando a asegurarse que cando menos un dos executivos despedidos foi escoltado fóra das oficinas de Twitter.
Que Musk mudaría a dirección de Twitter era algo evidente, pero o xeito de realizar o cambio resulta bastante brusco, o que parece responder basicamente á mala relación do novo propietario cos directivos durante o proceso de adquisición da compañía, que supuxo o pagamento de 44.000 millóns de dólares e Musk veuse forzado a pechar para evitar un xuízo que podía prexudicalo.

PUBLICIDADE