Eloy Velasco e Moisés Barrio intervirán este mércores en Iuristicgal19

martes, 22 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Cidade da Cultura acolle este mércores un dos grandes eventos tecnolóxicos do tempada: grande pola bagaxe que ten detrás, polos relatores de primeiro cos que adoita contar (e esta edición de 2019 non é unha excepción) e grande porque estende a temática das novas tecnoloxías ao amplo e sempre interesante horizonte da xustiza e o dereito. Estamos a falar da novena Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, que celebra o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa axencia AMTEGA.
Desta volta, desenvólvese baixo o lema Intelixencia Artificial e Xustiza.
Intervirán, entre outros, Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, e Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro Dereito dos robots.
A xornada terá lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura e será inaugurada ás 10h pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata. A edición deste ano ten carácter condensado e desenvolverase en horario de mañá. Na sesión daranse cita máis dun cento de participantes, maioritariamente profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e peritos informáticos, co obxectivo de coñecer o alcance e as posibilidades da intelixencia artificial aplicada ao ámbito da xustiza.
Neste contexto, Moisés Barrio presentará o relatorio A intelixencia artificial ante o Dereito e Eloy Velasco intervirá sobre Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro. Segundo informa o CPETIG, o programa da xornada completarase cunha mesa redonda sobre As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos, moderada por Víctor Salgado, director técnico de Iuristicgal19.

Oportunidade

Segundo informa o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, a novena edición de Iuristicgal será unha oportunidade para actualizar os nosos coñecementos sobre o cada vez máis rico e complexo escenario onde conflúen novas tecnoloxías, dereito e investigación policial. “Considerando a complexidade técnica e casuística destas tecnoloxías así como a innovadora lexislación aplicábel, a xornada pretende dar resposta á necesidade de formación dos profesionais da xustiza, profesionais forenses e xuristas en xeral”, sinala o CPETIG, engadindo que un dos grandes piares do encontro é “favorecer que se coñeza esta lexislación e a nova realidade tecnolóxica que a orixina, así como as novas ferramentas dispoñíbeis para interpretala correctamente e aplicala ao caso concreto”.

PUBLICIDADE