Embracer considera que non teremos PS6 ata 2028/29

venres, 19 de xuño do 2026 Redacción

Reanimal é unha das franquías con máis potencial de Embracer

Embracer Group aproveitou o seu informe anual correspondente ao exercicio 2025/26 para debuxar tanto a súa profunda reestruturación corporativa como a súa visión sobre a evolución do mercado dos videoxogos. O conglomerado sueco, propietario ou controlador de máis de 400 franquías e responsable de 53 estudios de desenvolvemento repartidos por preto de 30 países, considera que a actual xeración de consolas aínda ten percorrido por diante e sitúa a chegada da vindeira PlayStation, como mínimo, en 2028.
A compañía mantén baixo o seu paraugas algunhas das propiedades intelectuais máis coñecidas da industria. Entre elas figuran The Lord of the Rings, The Hobbit, Tomb Raider, Metro, Dead Island, Kingdom Come, Darksiders, Remnant, Gothic, Titan Quest, Destroy All Humans!, Killing Floor, Kingdom of Amalur, Arizona Sunshine ou Biomutant, ademais de licenzas como Hot Wheels Unleashed e Bob Esponja.
A futura división Fellowship Entertainment concentrará os activos considerados máis estratéxicos, incluíndo os estudios Crystal Dynamics, Eidos-Montréal, 4A Games, Warhorse Studios, Dambuster Studios, Flying Wild Hog ou Gunfire Games, así como os dereitos de explotación de The Lord of the Rings e The Hobbit. O resto das actividades permanecerán na nova Embracer, que conservará marcas como THQ Nordic, Aspyr, DECA, Tripwire Interactive, Limited Run Games ou PLAION Partners.

Un mercado de consolas que aínda non alcanzou o seu teito

Tomb Raider é unha das franquías que forman parte do catálogo de Embracer

A análise de mercado incluída no informe sostén que o sector dos videoxogos alcanzou en 2025 un valor de 202.000 millóns de dólares e que continuará medrando nos vindeiros anos. Segundo os datos recompilados por Embracer a partir de estudos de Newzoo, o mercado das consolas moverá uns 45.000 millóns de dólares en 2025 e crecerá arredor dun 5 % en 2026, impulsado por lanzamentos de gran relevancia como Grand Theft Auto VI e polo incremento dos prezos medios dos novos xogos.
A compañía considera que un dos principais motores de crecemento será o feito de que unha parte importante dos usuarios aínda non deu o salto ás plataformas actuais. O informe cita expresamente PlayStation 5, Nintendo Switch 2 e Xbox Series X|S como sistemas con marxe para seguir ampliando a súa base instalada. Ademais, lembra que as xeracións de consolas adoitan recibir os seus lanzamentos máis importantes durante a segunda metade do seu ciclo vital, cando os estudios dominan mellor o hardware e os grandes proxectos abandonan progresivamente o soporte para as máquinas máis antigas.

A vindeira PlayStation podería atrasarse ata 2028 ou 2029

O aspecto máis rechamante do informe é a referencia explícita á vindeira xeración de consolas. Embracer advirte de que a volatilidade dos aranceis nos Estados Unidos e, sobre todo, o encarecemento global da memoria RAM provocado pola crecente demanda asociada á intelixencia artificial poderían elevar os prezos do hardware e frear o crecemento do mercado.
Segundo recolle o documento, algúns analistas consideran que Sony estaría a valorar adiar o lanzamento da súa vindeira consola. A previsión que manexa Embracer apunta a que o debut do sucesor de PlayStation 5 podería pasar de 2027 a 2028 ou mesmo a 2029, debido ao impacto dos custos da memoria sobre o deseño e a fabricación do novo sistema.
Esta valoración encaixa coa tese defendida pola empresa de que a actual xeración aínda dispón de varios anos de percorrido comercial. De feito, o grupo considera que as súas compañías están ben situadas para afrontar as futuras transicións tecnolóxicas grazas á combinación de franquías consolidadas, estudios especializados e unha carteira diversificada de negocios.

Unha aposta crecente polas grandes franquías

Embracer está a traballar en varios títulos de Tomb Raider

A estratexia de Embracer pasa por concentrar recursos nas súas propiedades intelectuais máis valiosas. O informe destaca o éxito continuado de Kingdom Come: Deliverance II, que superou os 5 millóns de copias vendidas no seu primeiro ano, así como a fortaleza de marcas como Tomb Raider e Dead Island. Tamén sinala a boa acollida de Reanimal como unha das novas franquías con maior potencial de crecemento.
De cara aos próximos exercicios, o grupo prepara unha carteira de lanzamentos que inclúe títulos como Metro 2039, Tomb Raider: Legacy of Atlantis, Darksiders 4, Tomb Raider: Catalyst, Marvel 1943: Rise of Hydra e Warhammer 40,000: Dawn of War IV. A empresa espera que o ritmo de grandes lanzamentos aumente significativamente a partir do exercicio 2027/28, coincidindo coa consolidación da nova Fellowship Entertainment como compañía independente.