Emigración celebra o Día das Letras cun contacontos online para o mundo
xoves, 16 de maio do 2024
A Secretaría Xeral da Emigración celebra este venres 17 de maio o Día das Letras Galegas con varias actividades dedicadas á cultura e lingua galega e á figura de Luisa Villalta, escritora á que se dedica esta celebración en 2024. Comezarán pola mañá cunha felicitación do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dedicada aos galegos do exterior aos que agradecerá “a súa implicación na promoción e difusión da cultura e a lingua galega nos diversos países nos que residen, e animará a seguir utilizando o galego entre a colectividade exterior”.
Posteriormente, pola tarde, a partir das 20 horas (hora de España), os interesados e interesadas en coñecer a historia e a vida da escritora coruñesa á que se dedica o Día das Letras Galegas poderán desfrutar dun contacontos sobre a súa figura que se poderá ver a través da páxina web e das diferentes plataformas dixitais da Secretaría Xeral (GaliciaAberta) da man de Polo Correo do Vento.
Finalmente, presentarase publicación dunha banda deseñada titulada Tinta do mar destinada aos máis pequenos para que poidan coñecer a vida e obra da poeta, narradora e dramaturga galega á que se homenaxea nesta ocasión, e que se poderá ver e ler, de xeito gratuíto, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.