Emprégate-TE 2 acada en Compostela unha taxa de contratación do 77%

mércores, 7 de novembro do 2018 Redacción

A asociación de comerciantes Compostela Monumental vén de celebrar a derradeira sesión grupal do obradoiro Empréga-TE 2, destinado a mellorar as posibilidades laborais da mocidade local e centrado, tamén, en capacitar tecnoloxicamente ás demandantes de emprego en Santiago. No baile de cifras, a asociación lembra que a través do dito programa logrouse que máis dun 77% das mozas que participan no obradoiro (desenvolvido coa Dirección Xeral de Emprego) acadasen un contrato de traballo. A porcentaxe de éxito é aínda máis salientábel se temos en conta que a previsión inicial era do 25%.
Dende decembro de 2017, Compostela Monumental desenvolveu cursos de formación específicos para as mozas participantes no programa, así como a realización de prácticas en comercios. En total foron máis de 400 accións de capacitación individual e 40 actividades formativas colectivas.
Compostela Monumental xa ten exposta unha terceira fase do programa, Empréga-TE 3, que comezaría en decembro de 2018.

PUBLICIDADE