Emprego imparte un novo ciclo de webinarios sobre as innovacións do mercado de traballo

mércores, 23 de novembro do 2022 S. P.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abriu un novo ciclo de webinarios a través do espazo virtual Xempre.gal, co obxectivo de “mellorar a formación das persoas traballadoras e dar resposta ás necesidades de capacitación que demanda o mercado laboral”.
Santiago Vázquez, director do centro de liderado emerxente do Instituto Tecnolóxico de Monterrey (México) imparte este mércores 23 de novembro o curso O novo liderado que transforma ás organizacións: a aliñación do negocio coa organización do equipo profesional, actividade que pon o foco na capacitación das persoas líderes dos equipos.
A iniciativa, que conta con 70 persoas inscritas, enmárcase como dixemos no espazo Xempre que ofrece a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, cunha oferta de accións formativas gratuítas para todas as persoas interesadas.
O webinario deste mécores quere contribuír a sentar as bases para que as organizacións adopten novos sistemas ou formas de operar mediante a capacitación dos líderes dos equipos e a aplicación de novos sistemas para unha maior eficiencia e produtividade.
Santiago Vázquez é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela; sociólogo, economista e licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid. Tras máis de vinte e cinco anos traballando no ámbito do liderado e a xestión de persoas en varios países, foi director de Persoas da operadora R, onde desenvolveu un modelo de xestión de persoas orientado a xerar maiores niveis de felicidade no traballo dos colaboradores aplicando a psicoloxía positiva. O modelo foi caso de estudo para o Instituto de Empresa e a Axencia Europea de Seguridade e Saúde Laboral.
A Xunta ten abertas as inscricións, por outra banda, para o seminario en liña Social selling: ou como xerar engagement coa túa clientela, que impartirá o próximo 1 de decembro de 19,00 a 20,30, Soraya Álvarez, xefa de negocio de clientes para o sur de Europa de Linkedin cun sólido historial de logros en vendas de software. As persoas interesadas nesta actividade poden obter información nunha ligazón da web Xempre.gal, onde tamén se recolle a oferta formativa para as próximas semanas.

PUBLICIDADE