EmprendeLab contará este luns con Javier Santiso para falar sobre o futuro da innovación empresarial

venres, 8 de marzo do 2013 Redacción

O ciclo de conferencias e obradoiros sobre emprendemento organizado polo CiTIUS -e máis coñecido co nome de EmprendeLab- acollerá o luns 11 de marzo ao experto en economía internacional Javier Santiso, director de Global Affairs & New Ventures en Telefónica (Asuntos Mundiais & Novas Empresas). O convidado tratará, entre outros temas, o futuro do emprendemento en España que -segundo a opinión do mesmo Santiso- “arestora está a vivir un intre decisivo, pois o país afronta importantes retos como combater as taxas de paro (o forte desemprego xuvenil), apostando pola innovación e contribuíndo á construción dunha mentalidade máis emprendedora”.
Malia todo, Santiso é optimista: “España non é o pesadelo que pintan os titulares, hai que destruír os mitos e aproveitar as oportunidades que nos achega esta contorna adversa, para fortalecer o ecosistema emprendedor e convertérmonos nun país de creación e innovación”.
Cómpre dicir que Javier Santiso tamén é fundador de Start Up Spain, unha proposta privada co fin de desenvolver novas vías de financiamento para as start-ups (empresas de nova creación) españolas. Start Up Spain dispón xa dun primeiro programa para axudar aos investidores tradicionais na monitorización e avaliación de proxectos de internet nas etapas iniciais, asesorándoos para que estes poidan gañar en valor engadido. Amais disto, Santiso foi director do Centro de Desenvolvemento da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) e no ano 2009 foi recoñecido como YGL (Young Global Leader, ou Novos Líderes Globais), polo Foro Económico Mundial de Davos.

PUBLICIDADE