Empresariais e Telecomunicación (UVigo) reciben un recoñecemento ao seu traballo en empregabilidade

venres, 9 de febreiro do 2024 S. P.

A Universidade de Vigo entregou este xoves 8 de febreiro o Distintivo de Empregabilidade á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (primeira edición) á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no Campus de Vigo, e á Facultade de Dereito, no Campus de Ourense. Foi, en palabras da UVigo, un xeito de recoñecer o labor sobresaínte destes centros en materia de empregabilidade e de fomento ás oportunidades de emprendemento.
O acto de entrega aos centros vigueses celebrouse este xoves pola tarde no espazo INCUVI, na praza Miralles, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, quen se encargou de darlles os parabéns pola distinción acadada, un galardón co que a UVigo quere “recoñecer a ampla traxectoria que teñen algunhas escolas e facultades na organización de actividades vinculadas á orientación profesional do seu alumnado e na intermediación universitaria no emprego, así como a súa dilatada experiencia na organización de feiras de emprego”.
Os parabéns chegaron tamén da man da vicerreitora de Empregabilidade e Estudantado, Natalia Caparrini, quen explicou que con” este distintivo a institución académica quere recoñecer publicamente as facultades e escolas que destaquen na promoción activa e permanente da mellora da empregabilidade do seu alumnado”.
No acto tamén participou como convidada a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que felicitou aos ditos centros e incidiu na importancia de impulsar a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados como os tecnolóxicos. Na súa intervención, loou o compromiso coa empregabilidade dos centros distinguidos, non só coas prácticas a disposición do alumnado senón tamén con cursos e obradoiros que completan a formación e melloran as oportunidades laborais. Así mesmo, referiuse aos foros ou programas específicos que promoven para poñer en contacto o alumnado cos seus eventuais empregadores.
A cerimonia contou ademais coa asistencia de numerosos representantes de entidades públicas e privadas coas que colaboran ambos centros, así como docentes e estudantes.
A primeira en recoller o galardón foi a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, María Dolores Garza, quen destacou a “enorme satisfacción” que supón este recoñecemento ás actividades desenvolvidas ao longo dos anos desde a facultade para facilitar a inserción do seu alumnado no mercado laboral.
No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a directora, Rebeca P. Díaz, destacou que este distintivo supón o recoñecemento do traballo que se leva facendo na EET desde hai anos “apostando por estreitar os vínculos coas empresas" para os procesos de calidade do centro, para a formación en competencias transversais (“a través dos programas orientaTE e integraTE”), para conseguir unha oferta variada e de calidade de prácticas externas, para promover a realización de traballos fin de titulación en empresas e para outras actividades de apoio a través da rede de traballo conexiónTeleco.
Na súa intervención aproveitou, ademais, para agradecer o apoio do tecido empresarial coas actividades promovidas pola súa escola, o bo ánimo do alumnado e a súa iniciativa por completar a súa formación a través de asociacións estudantís que xurdiron na escola, “como UVIGO Space Lab, CES UVigo ou o Foro Tecnolóxico de Emprego” e tamén do PDI, “sempre activo en innovación e transferencia co tecido empresarial, o que nos axuda moito nas sinerxías coas empresas”.