Empresarios de Chantada fórmanse en técnicas para acelerar os seus negocios

mércores, 20 de marzo do 2019 Redacción

Da man da Deputación de Lugo e da Asociación de Empresarios de Chantada, un grupo de autónomos e empresarios deste concello está a recibir formación avanzada e asesoramento (mentoring) para incrementar a influencia dos seus negocios, gañar en competitividade e ampliar mercado. Trátase das xornadas de adestramento Reimpulsa Chantada, na que participan arestora 15 persoas. Hoxe recibiron a visita da deputada de Cultura, Pilar García Porto, e dos directivos da dita asociación local, Néstor Quiroga e Leticia Díaz.
Reimpulsa Chantada é unha iniciativa da Asociación de Empresarios de Chantada coa que colabora a Deputación, cunha achega de 5.000 euros, a través da cal comerciantes e emprendedores reciben sesións de mentoring grupal, unha metodoloxía que axuda a mellorar os puntos clave dos negocios e a acelerar os resultados a medio e longo prazo.
Neste programa, que comezou en 2018, empresarios e autónomos teñen a oportunidade de aprender a xestionar mellor as súas empresas acadando novas metas, compartindo a súa experiencia co grupo e introducíndose no emprego de novas ferramentas.
Baixo a dirección do mentor Alberto Ferreiro, abordan diferentes temáticas como por exemplo as seguintes: como xestionar mellor o tempo e a toma de decisións, como crear marca e dar más visibilidade a un negocio ou como vender máis e mellor. Os participantes tamén aprenden a facer unha planificación anual por obxectivos, a levar un control real dos custes do negocio, a xestionar equipos de traballo e a crear unha rede de contactos.
Como dixemos, estas xornadas son impartidas por Alberto Ferreiro que é empresario, conferenciante, mentor e formador de autónomos e empresarios e conta con máis de 15 anos de experiencia no mundo dos negocios. Ferreiro é especialista na metodoloxía de asesoramento e motivación grupal, que ten como finalidade que as persoas empresarias poidan dirixir realmente seus negocios con bos resultados económicos, ao mesmo tempo que desfrutan con total liberdade do seu tempo de lecer.

PUBLICIDADE