Empresas TIC punteiras da nosa terra participarán o I Gran Foro de Innovación e Emprendemento de APD
luns, 20 de outubro do 2025
A innovación e o emprendemento daranse a man o próximo 21 de outubro no I Gran Foro de Innovación e Emprendemento, un gran encontro empresarial que reunirá a máis de 400 asistentes no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. O foro está organizado por APD e a Xunta, dentro do Programa Capacita Directivos, e conta coa colaboración de Nordés Club Empresarial e o Círculo de Empresarios de Galicia, ademais dunha ampla rede de entidades e medios partners que apoian a iniciativa. Participarán empresas tecnolóxicas como Microsoft e R (MasOrange). Tamén firmas TIC galegas punteiras como Medrar, Councilbox, MestreLab, Docuten e Inverbis Analytics, ás que se suma o Centro Tecnolóxico Gradiant.
O evento nace coa vocación de “converterse nun espazo de inspiración, aprendizaxe e conexión entre empresas, directivos, emprendedores e institucións, e enmárcase na aposta de APD por “impulsar a cultura innovadora como motor de competitividade e crecemento”.
Durante máis de cinco horas, o foro ofrecerá seis bloques temáticos nos que destacados profesionais compartirán a súa experiencia sobre alianzas abertas, innovación corporativa, emprendemento de impacto, competencias para emprender, diversidade e financiamento.
O I Gran Foro de Innovación e Emprendemento busca impulsar a transformación do tecido empresarial galego, promovendo a cooperación entre startups, grandes empresas e administracións, e ofrecendo unha plataforma para visibilizar proxectos innovadores con impacto real.
O encontro contará coa participación de institucións, universidades, agrupacións industriais tecnolóxicas, asociacións empresariais e referentes do ecosistema emprendedor galego.
A xornada arrincará ao 09.00 h coa recepción de asistentes, seguida da benvida institucional a cargo de Francisco Botas, presidente de APD Zona Noroeste, e a inauguración oficial por parte da conselleira de Economía e Industria da Xunta, María Jesús Lorenzana.
A partir do 09.35 h, sucederanse as mesas e coloquios:
• Innovación aberta: o poder das alianzas, con representantes de FINSA, Arraigo, Agroamb Prodalt e Agrolinera.
• Innovando desde empresas consolidadas, con directivos de Microsoft, BorgWarner, Hijos de Rivera e Kaleido.
• Emprendemento de impacto e dinamización do territorio, moderado por Alfredo Ramos (R e MasOrange), con proxectos como Zebra Brain ou Aldealista.
• Competencias para emprender con éxito, con CEOs de Medrar, Councilbox, MestreLab, Docuten e Inverbis Analytics.
• Emprender sen fronteiras, onde se abordará a diversidade como fonte de valor, coa participación de Batea Oncology e Sentinel Ecosystems.
• Construíndo con solidez: alternativas de financiamento e xestión eficiente, con expertos de Abanca, Unirisco, Gradiant e Cetim.
Como peche inspirador, a conferenciante internacional Bisila Bokoko, directora executiva de BBES, ofrecerá o relatorio Emprender sen medo: a clave do éxito, a partir das 13.35 h, antes do peche con networking e actuación musical do grupo Stormy Trucks.
