En 2016 lanzáronse 45.658 títulos en formato dixital

venres, 14 de xullo do 2017 Redacción

Semella que nos segue a gustar ler en galego libros de toda a vida. De feito, segundo os últimos datos dispoñíbeis, os libros en galego en formato tradicional volven medrar, a nivel de vendas, pero os libros en formato dixital estáncanse. Así nolo conta a Federación de Gremios de Editores de España, que presentou esta semana un avance de resultados do Informe Comercio Interior e Exterior do Libro en España 2016, do que se desprende que o sector editorial medra por terceiro ano consecutivo.
E que acontece co galego? Pois segundo a dita investigación, a produción de títulos na nosa lingua é a que máis medra se se compara coas demais linguas do Estado. Segundo estes resultados, os títulos en castelán aumentan un 2,6% e en galego un 4,1%. Porén, as cifras globais relativas ao libro en formato dixital amosan un moito menor crecemento. De feito, a facturación foi só dun 1,5% máis ca en 2015. Estas cifras, dise no informe, reflicten unha ralentización das vendas neste formato que é común a todas as linguas.
De todas formas, malia o estancamento na facturación, o número de títulos dixitais editados continúa a medrar, xa que no 2016 foron publicados 45.658 títulos en formato dixital e vendéronse 12,3 millóns de exemplares. A oferta legal de títulos dixitais ascendeu a 174.266.

PUBLICIDADE