En 2020 o 96% dos concellos galegos terán acceso á Rede a máis de 30 Mbps

xoves, 5 de xullo do 2018 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, compareceu esta mañá ante a Comisión 3ª do Parlamento galego onde deu conta das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado, que ten como obxectivo garantir que para 2020 máis de 330.000 galegos de 258 concellos que carecen de acceso a redes ultrarrápidas poidan contar con cobertura de Internet a 100 Mbps, para o que será preciso que as administracións públicas destinen incentivos por valor dun total de 35,2 millóns de euros. As medidas postas en marcha farán que pasemos dun 71% dos concellos galegos con conexións de máis de 30 Mbps a un 96% en 2020.
A directora da AMTEGA lembrou o esforzo da Administración autonómica nos últimos oito anos para mellorar o acceso a internet en Galicia. En 2010 a prioridade era que toda Galicia tivese acceso a Internet, pois só un 71% dos galegos dispoñía de cobertura. Conscientes desta situación e da gran importancia que as redes móbiles teñen nunha comunidade tan dispersa como Galicia, púxose en marcha Plan de Banda Larga de Galicia cun investimento público-privado de 230 millóns de euros, 75 dos cales os achegou a Administración autonómica.
Un dos obxectivos dese plan foi dotar de cobertura de 3G a máis de 11.000 núcleos, que xunto cos despregamentos de tecnoloxías ASDL e WiMAX conseguiron que a día de hoxe máis do 98% da poboación teña acceso a internet básico.
A extensión de redes 3G do Plan foi a medida que máis contribuíu a incrementar a cobertura en Galicia. Esta tecnoloxía ofrece unhas velocidades de acceso á rede desde polo menos 2 Mbps ata os 21 Mbps e proporciona cobertura de telefonía móbil.
Ademais, o Plan esixe aos operadores que recibiron subvencións públicas para despregar infraestruturas, a prestación deste servizo durante 10 anos, garantindo a súa continuidade alí onde a demanda sexa baixa, e co compromiso de evolucionar a tecnoloxía
Respecto da fibra, o Plan foi pioneiro en Europa en impulsar desde a Administración pública a extensión de redes de nova xeración. Concretamente esta medida do Plan posibilitou o acceso a redes de máis de 100 Mbps a case 200 núcleos de máis de 500 habitantes, fóra de ámbito urbano.

PUBLICIDADE