En Lugo o Concello derrubará barreiras administrativas no Seminario cun dispositivo intelixente de accesibilidade

luns, 10 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello de Lugo vai botar man das tecnoloxías intelixentes para derrubar barreiras en materia de servizos administrativos e atención, no camiño de normalizar as plenas comunicación e interacción con todos os cidadáns. En concreto, a alcaldesa Lara Méndez anunciou que o Goberno local mellorará cun dispositivo smart a accesibilidade de persoas con perda auditiva ao edificio administrativo do Seminario.
Trátase, sinalou a rexedora, dun sistema impulsado pola área de Benestar e baseado na Intelixencia Artificial mediante o recoñecemento de sons. Instalarase no andar baixo e no segundo andar do edificio de servizos administrativos do Concello, onde se sitúan os departamentos con servizo de atención ao público. Os sistemas recollerán as alertas sonoras (como por exemplo, alarmas de incendio, avisos de quendas, timbres, etc.) para amosalas en forma de notificacións visuais e sensoriais a través das luces do edificio, así como nos dispositivos smart das persoas usuarias (smartphones, tabletas, smartwatchs, etc) a través da aplicación móbil gratuíta Visualfy.
Para mostrar as alertas en forma visual, instalaranse catro lámpadas de sinalética distribuídas en corredores e salas de espera dos devanditos andares. A alcaldesa sinalou que estas lámpadas “funcionarán como luces de emerxencia, mostrando as alertas mesmo se hai un corte de luz ou caída da Internet”. Xunto a cada luminaria colocarase un cartel informativo para explicar o funcionamento da solución, mostrar o código de cores das alertas e indicar ao usuario como subscribirse ao edificio. O proxecto contempla tamén unha especial atención aos baños, que “adoitan ser puntos cegos de accesibilidade”. Para iso, instalarase un plafón cunha lámpada sen fíos E-27 en cada un deles, un total de seis nos dous andares. Estas luces pasarán desapercibidas, pero en caso de emerxencia ou necesidade de notificación, iluminaranse da cor determinada para iso. No resto de espazos do edificio os usuarios que o desexen poderán recibir as notificacións de maneira directa nos seus dispositivos conectados.
“En caso de incendio, por exemplo, as lámpadas de sinalética acenderíanse en vermello e serían visíbeis desde calquera parte do edificio mesmo sen Internet ou sen electricidade, garantindo a súa seguridade en todo momento. Mentres que os usuarios recibirán unha alerta no móbil ou dispositivo smart que se determine”, explicou a rexedora, engadindo que “as diferentes alertas mostraranse en todo o edificio a través das luces instaladas, as lámpadas de sinalética e as alertas que recibirán os usuarios que teñan a aplicación de Visualfy instalada”.
Como dixemos, a solución está baseada en Intelixencia Artificial e IoT (Internet of Things), o que garantirá a súa mellora continua e a súa flexibilidade. “Non só mellorará a experiencia de usuario de persoas con perda auditiva, senón que incrementará a seguridade e saúde de todos os traballadores, creando unha contorna laboral libre de ruídos innecesarios”, concluíu a rexedora.
O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea a través do FEDER, que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso e a calidade das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e o acceso ás mesmas.

PUBLICIDADE