En Muros abre o prazo para que os maiores poidan capacitarse dixitalmente da man de Amigos de Galicia

martes, 5 de agosto do 2025 S. P.

O Concello de Muros informou da apertura do prazo de inscrición para as sesións de capacitación tecnolóxica que organiza no municipio a Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración de Servizos Sociais de Muros, co obxectivo de “mostrar ás persoas maiores de Muros como desenvolverse coas novas tecnoloxías”.
As sesións serán os martes 19 e 26 de agosto, e os mércores 20 e 27 de agosto, en horario de 10:00h a 12:30h na Aula CEMIT (Casa da Cultura na praza de San Pedro).
As inscricións poden facerse ata completar inscrición no 981 762 465 ou presencialmente no edificio de Servizos Sociais.
Esta formación está dirixida á independencia dixital das persoas maiores para levar a cabo as súas tarefas diarias de maneira autónoma. Os obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móbil para que, de forma práctica, o alumnado poida experimentar unha aprendizaxe de utilidade e duradeira, capacitándoo para tarefas como solicitar unha cita médica, gardar quenda no seu Concello ou Centro de Saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar un teléfono móbil.