En Muros as persoas maiores poderán capacitarse dixitalmente da man de Amigos de Galicia e o Concello

venres, 1 de agosto do 2025 S. P.

A Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Muros, organiza varias sesións en agosto para ensinar ás persoas maiores de Muros a desenvolverse de forma correcta coas novas tecnoloxías.
As sesións serán os martes 19 e 26 de agosto, e os mercores 20 e 27 de agosto, en horario de 10:00h a 12:30h na Aula CeMIT (Casa da Cultura na praza de San Pedro).
“Temos que evitar a fenda dixital nas persoas maiores e estas sesións ensinaranlles de forma amena e sinxela a sacarlle partido ao seu teléfono móbil, utilizar a aplicación do Sergas, a Chave365, ou ir a un caixeiro automático”, explica Mario Martínez, concelleiro de Servizos Sociais de Muros.
As inscricións poden facerse dende o luns 4 de agosto ata completar inscrición no 981 762 465 ou presencialmente no edificio de Servizos Sociais.