En Outes o Concello impulsa as telecomunicacións en Santo Ourente e en Roo

mércores, 19 de febreiro do 2025 S. P.

O tenente alcalde e concelleiro de Comunicación de Outes, Anxo Núñez, visitou as instalacións da torre de telefonía móbil de Piñeiro que dá servizo dende hai uns meses a parte da veciñanza da parroquia de Santo Ourente. Segundo explicou, esta actuación foi feita a través dun convenio asinado no 2022 coa operadora pública galega RETEGAL para a mellora das comunicacións en zonas que carecían de cobertura.
O Concello preparou e puxo a disposición da operadora os terreos onde se construíu a instalación, e tamén fixo as xestións precisas para facela realidade.
O concelleiro engadiu que a maiores do devandito, estase a impulsar a construción dunha nova torre de telefonía en Roo de Arriba que dará servizo á veciñanza da parroquia de Roo, Tornil e Lindeiros, proxecto que, segundo confirmou, xa deu comezo.
Aproveitou para facer un repaso dos avances conseguidos a nivel local nesta lexislatura para avanzar na despregadura de tecnoloxías de telecomunicacións, incluída a fibra óptica até o fogar (tecnoloxía FTTH), que xa está presente en lugares con longa reivindicación como Cabanamoura, Cando ou en toda a parroquia de Outes, núcleos que ate o momento carecían deste importante servizo.