En Poio os veciños contribuíron este ano a solucionar 300 incidencias grazas aos seus móbiles

venres, 7 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello de Poio fixo balance da actividade xerada este ano pola aplicación cidadá de resolución de incidencias Liña Verde, á que está adherida a Administración local. Segundo fixo saber, máis de 300 avisos de avarías, eivas ou desperfectos foron atendidos e arranxados ao longo do ano a través desta ferramenta, que xa leva cinco anos activa en Poio.
Tal e como consta no resumo anual elaborado polos responsables de Liña Verde, a meirande parte das incidencias rexistradas tiveron que ver con solicitude de arranxo do alumeado público (un 14% do total), seguidas por cuestións vencelladas a peticións de retirada de lixo (11%). A reparación de beirarrúas ou limpeza de restos de maleza (9%) tamén figuran entre as demandas máis realizadas, que se completan con outras cuestións como o arranxo de mobiliario urbano, actuacións en zonas verdes, parques e xardíns ou cuestións referidas a tráfico e mobilidade.
O Goberno local lembra que, desde a súa instalación no ano 2016, a través deste dispositivo se resolveron máis de 1.200 incidencias, o que supón unha porcentaxe moi superior ao 90% das demandas e avisos achegados pola cidadanía.

PUBLICIDADE