En abril teremos un xogo de pinball de Star Wars en VR

xoves, 25 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Dende hai anos Zen Studios destacou polos seus simuladores de máquinas de pinball, que inicialmente eran recreacións de máquinas clásicas, pero que foron evolucionando en máquinas imposibles de crear na realidade, xa que algúns dos seus elementos incluían efectos especiais fantásticos, dando lugar á franquía Pinball FX que conta con varias entregas que inclúen unha serie básica de mesas (coa opción de adquirir mesas adicionais) e que nos últimos tempos incluso conta con versión de realidade virtual, o que van aproveitar ara lanzar un interesante recompilatorio de mesas cunha temática moi específica: Star Wars Pinball VR.
Este novo xogo de realidade virtual chegará o 29 de abril a Steam VR, PlayStation VR e Oculus Quest 1 e 2, incorporando 8 mesas baseadas en películas e series de televisión do universo de Star Wars, sen esquecer a recente The Mandalorian, e que poden xogarse como se fosen máquinas de pinball reais nun contorno virtual no que incluso está dispoñible unha gramola con música de John Williams.
Aínda que esteamos afeitos a que a realidade virtual se empregue en videoxogos como unha tecnoloxía para visitar en primeira persoa mundos fantásticos, o feito de empregar este punto de vista para replicar máquinas recreativas en formato físico resulta moi satisfactorio, e podería equipararse á experiencia dos simuladores de voo ou de condución, coa diferenza de que cos pinball en VR o que temos realmente é un xogo dentro doutro xogo, concepto que pode resultar un tanto rechamante.

Tráiler de presentación de Star Wars Pinball VR

PUBLICIDADE