En agosto teremos en Europa o novo xogo de Ataque a los Titanes

xoves, 12 de maio do 2016 Marcus Fernández

O manga Ataque a los Titanes é unha das obras máis influentes dos últimos anos, dando lugar a unha serie de animación de grande éxito e incluso a unha adaptación en acción real para os cines xaponeses, e non tardou moito en contar tamén con videoxogos para consolas portátiles, e na liña destes últimos temos que o 26 de agosto vai comercializarse en Europa o xogo A.O.T. Wings of Freedom, que estará dispoñible en formato físico para PlayStation 4 e Xbox One, de xeito que ofrecerá unha experiencia máis coidada que os anteriores xogos para Nintendo 3DS, o que precisamente fai que o novo título sexa moi desexado polos seareiros da franquía.
O xogo centrarase principalmente na trama da primeira tempada da serie de televisión de Ataque a los Titanes, especialmente na figura dos seus tres personaxes centrais, superviventes dun distrito cunha cidade amurallada que quedaron orfos tras o ataque duns xigantes come-homes e decidiron alistarse nas forzas especiais que se encargan de defender á Humanidade desta ameaza.
Pero a versión europea deste xogo quere chegar dun xeito moi especial, e así anuncian que vai contar cunha edición especial para PlayStation 4 chamada Treasure Box e que, aparte do xogo en formato físico, incluirá a banda sonora orixinal, un libro de arte, unha bufanda-toalla cunha ilustración na que podemos ver a tres dos personaxes centrais (Eren, Mikasa e Levi), 6 chapas e un código de descarga para un traxe especial alternativo para Armin.
O xogo tamén contará con versións descargables para PS3, PS Vita e PC (Steam).

A PlayStation 4 contará cunha edición especial con contidos adicionais

Tráiler de A.O.T. Wings of Freedom

PUBLICIDADE