En decembro teremos unha PlayStation mini con 20 xogos

mércores, 19 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O 3 de decembro de 1994 saíu á venda no Xapón a primeira consola PlayStation, proposta moi ousada por parte de Sony ao chegar ao mercado nun momento no que SEGA e Nintendo tiñan o sector totalmente dominado, e non só conseguiu facerse un oco, senón que incluso logrou imporse, superando o cento de millóns de consolas vendidas, preparando o terreo para o que sería o grande éxito da compañía, a PlayStation 2.
Este ano, na mesma data, teremos outro interesante lanzamento, no que Sony sube ao carro das consolas en miniatura, e pon á venda en EE.UU., Xapón e Europa a PlayStation Classic, réplica de tamaño reducido da PlayStation orixinal que inclúe 20 xogos precargados, entre os que destacan Final Fantasy VII, Jumping Flash, Ridge Racer Type 4, Tekken 3 e Wild Arms.
A PlayStation Classic é un 45% máis pequena que a consola orixinal, aínda que os seus mandos si contan cun tamaño e deseño semellantes aos orixinais, para que a experiencia de xogo sexa o máis fiel posible á que podía terse na consola que estreou a marca PlayStation.
A nova máquina venderase a 99,99 euros, incluíndo 2 mandos con cable (permitindo así gozar do modo multixogador nos xogos compatibles) e inclúe o cable HDMI para poder conectala a un televisor moderno. Queda agora saber o catálogo completo de xogos que incluirá e se haberá que reservala para poder facerse coa mesma (como acontecía inicialmente coas consolas mini de Nintendo).

JPEG - 321.5 KB
Comparación de tamaño entre a PlayStation Classic e a consola orixinal
JPEG - 352.9 KB
A PlayStation Classic incluirá dous mandos e os cables para poder conectala a un televisor moderno

Vídeo promocional da PlayStation Classic

ACTUALIZACIÓN: Nos EE.UU. a cadea de tendas GameStop xa acepta pedidos da consola, garantindo que a ofrecerán ao prezo mínimo e sen detallar os xogos que incluirá.

PUBLICIDADE