En liña a web de Open-VERSO, o proxecto co-impulsado por Gradiant para acelerar a revolución 5G

xoves, 26 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

O Centro Tecnolóxico Gradiant informou da posta en marcha da web de Open-VERSO, un proxecto a tres bandas (impulsado por Vicontech, i2CAT e Gradiant) para facer avanzar a evolución das redes móbiles de tecnoloxía 5G. O portal será un punto de encontro virtual onde se exporán as bases da Rede de Excelencia Cervera (Open-VERSO) e poranse a disposición das empresas os resultados obtidos no proxecto.
“Constituirase como unha ferramenta moi orientada ao mercado”, confirma Gradiant, que engade a súa vontade de “situala ao servizo das empresas que están chamadas a acelerar o proceso de dixitalización en diversos sectores con aplicabilidade de tecnoloxías 5G e futuras”.
Un concepto innovador ao servizo das empresas e da sociedade
Segundo explica Gradiant, Open-VERSO deseñará e desenvolverá unha arquitectura con capacidade de adaptarse a todo tipo de contornas mediante a evolución dun conxunto de tecnoloxías transversais base que permitirán a aplicación de conceptos avanzados non dispoñíbeis comercialmente. Por exemplo, a serie de tecnoloxías que se habilitarán no proxecto estará relacionada coa Intelixencia Artificial, a xestión avanzada de redes 5G e a propia evolución de tecnoloxías dos estándares nas que se basean.
“Nunha rede orientada ao servizo como é 5G resulta fundamental proporcionar recursos diferenciados a cada un dos sectores nos que fará impacto a tecnoloxía”, apunta o centro tecnolóxico vigués, engadindo que Open-VERSO contempla realizar probas de concepto e desenvolvemento de prototipos que se validarán mediante aplicacións funcionais e visualmente atractivas. Por esta razón, “unha parte importante da metodoloxía que se expón consiste na identificación e avaliación de indicadores relevantes para diferentes casos de uso que sexan de abondo representativos para servir de xerme a futuras transferencias de tecnoloxía da agrupación”.
Entre outros casos de uso, Open-VERSO fará especial fincapé na aplicabilidade destas tecnoloxías a sectores como o da radiodifusión de TV e radio dixital ou 5G-Broadcast, onde a súa integración nunha rede 5G común permitirán potencialmente a difusión de contido de TV non só a televisores convencionais senón tamén a smartphones. Farao dunha maneira “moito máis eficiente utilizando a mesma infraestrutura de rede”, explica o centro tecnolóxico galego, que engade que a rede estará “moi envorcada co mercado, ao servizo das empresas que están chamadas a acelerar a dixitalización en diversos sectores con aplicabilidade de tecnoloxías 5G e futuras, formando parte dunha auténtica revolución económica e social”.

PUBLICIDADE