En marca unha plataforma específica de formación en liña do galego: Cursos.gal
luns, 31 de marzo do 2025
Co inicio da primavera o panorama formativo galego ampliou horizontes coa posta en marcha de Cursos.gal, unha nova plataforma de capacitación e adestramento en liña centrada na aprendizaxe da nosa lingua, que busca achegar a lingua á cidadanía con metodoloxías actualizadas, flexíbel e pensadas para a realidade actual.
Lanzada o pasado luns día 24 de marzo, a plataforma comezou a súa andaina co curso de nivel avanzado CELGA 4, dirixido a persoas que desexan mellorar a súa competencia lingüística, tanto por motivos profesionais como persoais. O curso ofrece unha preparación completa para superar o exame oficial, pero tamén permite mellorar a expresión oral e escrita en galego con seguridade e fluidez.
Desde o equipo de Cursos.gal explican que “cada porta que queres abrir necesita unha chave. O galego é unha delas, e por iso a plataforma aposta por formación práctica e accesíbel”
Ademais do curso xa dispoñíbel, están en preparación os niveis CELGA 3 (intermedio) e CELGA 2 (iniciación), cun lanzamento previsto para o 8 de setembro.
Entre os principais beneficios dos cursos destacan os seguintes: preparación específica para os exames CELGA, con contidos estruturados en módulos e leccións paso a paso; acceso permanente, sen caducidade e con futuras melloras incluídas, con acceso universal para avanzar ao ritmo que se considere; explicacións claras, sen tecnicismos, pensadas para persoas ocupadas ou que levan tempo sen estudar; enfoque práctico (aprender galego para usalo no traballo, en oposicións ou na vida diaria).
Cursos.gal recolle a experiencia e metodoloxía de As chaves da lingua, un proxecto divulgativo con máis de 100.000 visitas en 2024, e dálle forma nun formato de curso estruturado.