En marcha Adiante.gal, novo medio de comunicación galego

luns, 30 de abril do 2018 Redacción

A Rede galega está viva e cada pouco danos novas e importantes sorpresas. Co remate deste mes de abril, sen ir máis lonxe, ponse en marcha un medio de comunicación que xunta no seu nome dous termos de especial significado, a palabra “adiante”, con todo o que esta implica de espírito innovador, e máis o termo “.gal”, o sinal de que estamos ante un dominio galego con plena vontade de selo. Adiante.gal, xornal de entrevistas, opinións, reportaxes e análises, vén da man de Adiante S. Coop galega, unha cooperativa de traballo asociado constituída por tres socias e aberta a novas achegas desde este mesmo luns, 30 de abril, data do comezo das súas publicacións regulares.
Segundo contan dende a cooperativa, Adiante.gal proponse informar “desde a reflexión e o rigor, tomándose o tempo preciso para elaborar cada unha das historias, e desde unha pluralidade de voces na que cada colaboradora e colaborador ten o seu punto de vista”. A nova plataforma de comunicación, ademais, nace para ser tamén un espazo en liña onde as lectoras e os lectores poidan contribuír ao xornalismo e, seguindo esta liña de participación e de desenvolvemento colectivo, nos vindeiros meses iranse creando ferramentas para garantir esta implicación da comunidade.
Adiante.gal financiarase coas achegas das socias traballadoras e das socias promotoras, e cos recursos xerados a través apoio do apoio dos subscritores. Para máis información, podemos contactar coa cooperativa a través da conta redacción@adiante.gal, ou ben facelo a través do Facebook, o Instagram ou o Twitter.

PUBLICIDADE