En marcha Ágora Dixital, plataforma para o profesorado con 120 recursos STEM xa dispoñíbeis
xoves, 26 de setembro do 2024
A Xunta presentou este 26 de setembro os detalles de Ágora Dixital, unha nova plataforma de recursos para axudar ao profesorado a desenvolver metodoloxías innovadoras na aula e que “xorde da necesidade de contar cun espazo público no que atopar estratexias e actividades para empregar na clase, especialmente no relativo ás competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), que se enfrontan na actualidade a unha constante actualización e novos retos”, sinalou o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, quen agradeceu a colaboración dos docentes que participaron na elaboración dos 120 primeiros recursos xa dispoñíbeis.
Rodríguez tamén animou a todas e todos a colaborar no enriquecemento da plataforma, “un traballo en equipo para mellorar a aprendizaxe dos alumnado e para dar visibilidade ás boas prácticas do profesorado da Comunidade”.
Informou que neste momento hai máis materiais en produción e que “desde a Consellería vaise favorecer a creación de novos contidos”. Para iso, abrirase un apartado en Ágora Dixital baixo o título Tes unha idea? O obxectivo, sinalou, é que os profesores que presenten unha proposta poidan compartila e darlle forma no Centro de Innovación Educativa e Dixital de Galicia.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, lembrou que este curso” comeza a maior modernización do ensino galego dos últimos 30 anos e nesa meta intégrase Ágora Dixital para responder aos retos tecnolóxicos”. Engadiu que “é unha ferramenta creada por docentes e para docentes para facerlles máis doado o seu traballo e ofrecer a mellor formación ao alumnado”.
Espazo aberto á comunidade escolar
Segundo explicaron, Ágora Dixital funciona como “unha praza aberta á comunidade educativa na que os docentes poden atopar recursos dixitais para empregar na aula e elaborar outros novos”. Os materiais están baseados nunha aprendizaxe experimental, significativa, flexíbel, de curta duración e moi específica co fin de facilitar a transformación educativa nun clic.
Engadiron que a súa gran particularidade é “a súa fiabilidade”, dado que son materiais elaborados por profesores e expertos, pola súa practicidade, dado que están testados en contextos reais na aula, e pola súa dispoñibilidade en galego e en castelán. Todos eles presentan unhas características comúns, con etiquetas para clasificar, organizar e facer buscas entre todas as publicacións que se recollen.
Seis laboratorios de aprendizaxe
As publicacións de Ágora Dixital están estruturadas en seis apartados ou laboratorios: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Ideas, LAB-Expert, LAB-IA
O LAB-Microsecuencias propón microexperiencias de aprendizaxe reproducíbeis na aula, por exemplo aprender como funciona o sensor de aparcamento dun coche empregando materiais de robótica; mentres que no LAB-Espazos ofrécense consellos para a creación de novos espazos de aprendizaxe en base ás experiencias doutros centros, como o uso das aulas sensoriais.
Pola súa banda, o LAB-Estratexias céntrase en propoñer metodoloxías de aprendizaxe innovadoras (como o discurso lóstrego) e o LAB-Ideas funciona como unha porta aberta a outros recursos ou convocatorias de interese. Neste último apartado pode atoparse, por exemplo, un achegamento aos recursos didácticos en liña do CERN.
LAB-Expert céntrase en entrevistas, en formato vídeo curto, con persoas expertas do mundo dixital e STEM e a educación sobre tendencias emerxentes. No catálogo actual pódese atopar unha conversa na que a pedagoga Nélida Zaitegi aborda a convivencia positiva, eido no que é unha recoñecida experta, ou co investigador e especialista en Intelixencia Artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, Francisco Bellas, que afonda no impacto desta no ensino, entre outras entrevistas.
Precisamente o último dos apartados da plataforma, LAB-IA, dedícase aos docentes que desexen iniciarse na IA, un dos grandes desafíos do ensino a medio prazo. Inclúe pequenas achegas sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel educativo para persoas que desexen iniciarse nesta temática, arredor de conceptos como a árbore de decisións ou a aplicación ChatGPT.
- Participantes na presentación desta mañá