En marcha Incendios.gal, plataforma cidadá que informa en tempo real sobre a vaga de lumes en Galicia

luns, 25 de agosto do 2025 S. P.

O pasado 17 de agosto lanzouse Incendios.gal, unha plataforma colaborativa e cidadá creada polo deseñador web Anxo Sánchez para Orgullo Galego para, nas súas palabras, “dar resposta inmediata á vaga de lumes que está a afectar Galicia neste verán”. Segundo explica, o proxecto permite que calquera persoa, desde o seu móbil ou ordenador, poida subir imaxes e vídeos xeolocalizados de situacións relacionadas cos lumes, dende presenza de lapas e columnas de fume ata evacuacións, servizos de emerxencia, casas queimadas ou terreos arrasados.
Dende Orgullo Galego fan saber que só unha semana Incendios.gal rexistrou máis de 200 achegas audiovisuais repartidas polo territorio galego, superou os 30.000 usuarios únicos e acadou preto de 100.000 visitas. “Estas cifras”, indican, “confirman a demanda social de contar cun espazo estable, accesible e non efémero onde a poboación poida informarse do que acontece en tempo real”.
Información cidadá
Engaden que o funcionamento da web baséase en tres pasos sinxelos. Por unha banda, un servizo de localización automática ou manual do suceso. Pola outra, a posibilidade de selección o tipo de incidencia do que queremos dar conta: lume, fume, evacuación, presenza de bombeiros, vivenda afectada, etc. Para rematar, achégasenos unha función para a subida inmediata de imaxes ou vídeos. A información publícase de forma directa, sen intermediarios, ofrecendo unha perspectiva humana e de proximidade sobre o que está a pasar en cada recuncho de Galicia.
Dende Orgullo Galego salientan que “a diferenza das redes sociais, onde os contidos se perden con facilidade, incendios.gal garante que estes testemuños queden accesibles e ordenados, converténdose nun arquivo visual de gran valor social e histórico”.
A visión do proxecto
O creador orixinal da plataforma, Anxo Sánchez, sinala que “esta plataforma naceu coa idea de dar poder á cidadanía: non somos expertos en extinción, pero si podemos contribuír a visibilizar o que está a ocorrer. Cada foto e cada vídeo é unha peza que axuda a comprender a dimensión real dos lumes e a súa repercusión nas persoas e no territorio”.
Sánchez engade que “nun tempo no que a desinformación pode xerar alarma, contar cun espazo colaborativo, transparente e alimentado pola propia sociedade galega é unha ferramenta que entendemos de gran valor”.
Contexto e impacto
Para amplificar e ilustrar o contexto no que se encadra o xurdimento desta plataforma, dende Orgullo Galego engaden que “a vaga de incendios que afecta Galicia este mes de agosto puxo en evidencia a necesidade de contar con recursos informativos alternativos. Moitos veciños e veciñas manifestaron a súa dificultade para seguir a evolución dos lumes”. Neste contexto, Incendios.gal “achega un valor engadido de utilidade pública, pois permite unha consulta rápida e visual do que está a acontecer en diferentes zonas”, destacan, salientando ademais o feito de que a plataforma sirva como espazo de solidariedade cidadá, onde a poboación comparte non só datos de emerxencia, “senón tamén testemuños que amosan o impacto humano, emocional e patrimonial destes incendios”.