En marcha SomosCultura, unha web para fomentar o consumo de contidos en galego entre a xente nova

xoves, 17 de xuño do 2021 S. P.

Estes días púxose en marcha, dende o Campus de Pontevedra, unha páxina directamente encamiñada a fomentar o consumo de contidos en galego entre a mocidade. Trátase da páxina SomosCultura, impulsada polo estudante Carlos Cerecedo de Comunicación Audiovisual. O seu obxectivo: “Agrupar nun único lugar todo o contido na nosa lingua das principais redes sociais”. A web colleu corpo no marco do seu traballo de fin de grao.
Segundo explica, este portal dá continuidade a unha iniciativa que arrancou no primeiro cuadrimestre cando, no marco dunha materia impartida polo profesor Paulino Pérez, un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, crearon Somos Cultura, unha serie de programas televisivos, difundidos a través de Internet, que buscaban pór o foco na crise provocada pola COVID-19 nas industrias culturais.
Entre eles, atopábase Carlos Cerecedo, que exercía como responsábel das redes sociais deste proxecto, que chegaron a sumar máis de 5.000 seareiros, dando unha viraxe á iniciativa cara ao fomento do galego a través das “plataformas máis utilizadas pola mocidade”.
SomosCultura converteuse nunha web que a día de hoxe xunta ligazóns a preto de 150 contas en galego en diferentes plataformas e redes sociais, e que ademais de contribuír a difusión do idioma busca tamén axudar aos creadores e creadoras facendo promoción dos seus contidos. “Estudando os datos do uso da lingua galega na xente nova, decatámonos dun claro déficit no consumo de contido en galego”, sinala Cerecedo, que explica que só o 24% das persoas menores de 15 anos empregan o galego no seu día a día, como constatou na análise que desenvolveu para o seu TFG, no que tivo como titor ao profesor Xabier Martínez Rolán, e da que derivou a creación deste espazo web.
Cerecedo optou por centrar o seu proxecto nos contidos que se difunden e consumen a través da Rede, dos que, apunta, “só o 4% están en galego”. Baixo esta premisa, desenvolveu unha plataforma, dividida por áreas, na que as e os visitantes poden atopar os enlaces ás contas de streamers e youtubers que na nosa lingua, a podcasts neste idioma ou aos perfís en plataformas como Spotify de artistas e grupos musicais.
Do mesmo xeito, SomosCultura tamén reúne unha escolma de influencers que se caracterizan polo uso do idioma e enlaces a diferentes contas de Twitter ou Instagram, organizados á súa vez en subseccións, como humor, gastronomía, entretemento, videoxogos ou medios de comunicación. Tamén achega unha ligazón directa á plataforma Twitch en galego, reunindo unha serie perfís desta rede social.

PUBLICIDADE