En marcha a terceira edición do laboratorio de fabricación dixital de Barro, o Depo FabLab

martes, 12 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Onte, da man da Deputación de Pontevedra, deuse por activada a terceira edición do laboratorio de fabricación dixital DepoFabLab, un espazo de encontro maker e participativo onde se nos permite (e se nos alenta) dar renda solta as nosas capacidades argalleiras en materia de robótica e tecnoloxías abertas. O laboratorio, emprazado no espazo de coworking do Polígono de Barro, comezou a súa andaina de 2019 co obradoiro A que nivel se atopa a tecnoloxía e que ferramentas hai para crear, no que están a participar un total de 15 persoas.
O segundo dos obradoiros celebrarase o 19 de febreiro sobre Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D I; o 12 de marzo será a quenda de Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D II. Pola súa banda, Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D III, desenvolverase o 26 de marzo; e o 23 o obradoiro de Arduino con ferramentas libres I. Máis tarde, o día 30 do mesmo mes, chegará Arduino con ferramentas libres II. O ciclo pecharase o 7 de maio con Arduino con ferramentas libres III.
Todos os obradoiros desenvólvense polas tardes, e teñen capacidade para un máximo de 15 persoas, xa que son os espazos de traballo dispoñíbeis no Fab Lab. Segundo engade a Deputación, o acceso é libre e soamente require inscrición previa, habendo aínda prazas vacantes para as persoas que queiran anotarse a través de www.depo.gal/coworking-en-pontevedra/obradoiros-fab-lab-3-edicion, ou no correo electrónico cwpontevedra@eoi.es.
Segundo explica a entidade provincial, o espazo Depo FabLab ten o obxectivo de ser “un punto de referencia na provincia de Pontevedra para as persoas emprendedoras, buscando atraer proxectos de corte innovador e tecnolóxico”. Amais, busca fomentar a aprendizaxe teórica e práctica sobre as últimas ferramentas tecnolóxicas en canto a dixitalización, impresión ou robótica.
A nivel de equipamento, o laboratorio tecnolóxico conta con impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, unha fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónica diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con gran capacidade de procesamento e almacenamento.

PUBLICIDADE